Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:
– Peticionario: Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A.
– Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, 9, 27003 Lugo.
– Denominación: soterramento da LAT 20 kV Cangas e cambio de situación do CT Fonte Vilarmea, en Fazouro.
– Situación: concello de Foz.
– Características técnicas principais:
• Reforma da liña aérea de alta tensión a 20 kV Cangas, con orixe no apoio existente A36969 e final no apoio P1 proxectado tipo C-4500/18 en substitución do apoio 4BF040750, cunha lonxitude de 98 metros en condutor LARL-125 existente.
• Reforma da liña aérea de alta tensión a 20 kV Cangas, con orixe no apoio existente 2A78108, no cal se substitúe o armado e final no apoio 4BF040762 existente, cunha lonxitude de 57 metros en condutor LARL-125 existente.
• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV Cangas, con orixe no PAS instalado no apoio proxectado P1 tipo C-4500/18, entra e sae no CT 7289 Fonte Vilarmea proxectado, entra e sae no CT 12462 Bargado existente e remata nun PAS instalado no apoio existente 2A78108, cunha lonxitude de 2.625 metros en condutor HEPRZ1-240mm.
• Centro de transformación prefabricado 7289 Fonte Vilarmea, cunha potencia máxima admisible de 1.000 kVA e unha potencia inicial de 160 kVA (recuperado), no cal se instalan dúas celas de liña telemandadas e dúas de protección de transformador, relación de transformación 20.000/400-230V.
• Desmontaxe do CTI 4728 Fonte Vilarmea, de 530 metros de condutor tipo RHZ1-150, 425 metros de LARL-125, 530 metros de LA-56, 7 apoios de celosía metálica, 4 apoios de formigón e dous fusibles XS (S305368 e S12574).
– Finalidade da instalación: mellora das instalacións.
– Orzamento: 450.213,86 euros.
– Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Foz.
• Separata para o Ministerio de Transportes: ADIF e Demarcación de Estradas.
• Separata para Augas de Galicia.
• Separata para a Consellería de Cultura.
• Separata para o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
• Separata para a Consellería de Medio Ambiente.
Esta dirección territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, resolve:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 15 de xullo de 2024
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
