DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 20 de agosto de 2024 Páx. 47149

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 1 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI461B).

BDNS (Identif.): 780262.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiaras das subvencións:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro, segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

2. Para ser beneficiarias as entidades e as cooperativas relacionadas no número anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

b) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento reforzando, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI461B).

Cuarto. Importe do crédito e contía da subvención

1. Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de seiscentos mil euros (600.000 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 38.06.313D.480.2 (código de proxecto 2023 00097) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2024. Esta convocatoria está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 dentro do obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos, e medida 2.H.01: apoio á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.

2. A contía da subvención que se concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a) i) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.

Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario mensual, en función do grupo profesional en que se atopen as traballadoras en cuestión, calculado segundo o disposto no Convenio colectivo de acción e intervención social 2022-2024 máis a cotización empresarial á Seguridade Social, no caso de que non estea bonificada, segundo o seguinte cadro:

Custo salarial mensual

Seguridade Social (31,48 %)

Custo unitario mensual (€)

Custo unitario 1: grupo profesional 1

2.054,66 €

646,81 €

2.701,47 €

Custo unitario 2: grupo profesional 2

1.854,25 €

583,72 €

2.437,97 €

Custo unitario 3: grupo profesional 3

1.625,51 €

511,71 €

2.137,22 €

Custo unitario 4: grupo profesional 4

1.417,01 €

446,07 €

1.863,08 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade