Expediente: IN407A 2022/334-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS BAL701 e substitución CT Carneiras 2 (36CDM2).
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 25.8.2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS BAL701 e substitución CT Carneiras 2 (36CDM2).
A solicitude inclúe un proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4.598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 54.868,36 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na rúa Ramiro Pascual, núm. 18, na parroquia de Matamá, no concello de Vigo (Pontevedra):
Retirada do centro de transformación Carneiras 2 (36CDM2) de 400 kVA, situado ao lado do apoio 9WN6IXCS//26-19.
Instalación dun centro de transformación de manobra exterior 2L1P TC TG de 630 kVA en envolvente prefabricado en formigón conectado ao tramo BAL701, situado na parcela con referencia catastral 3315305NG2731N0001KL.
Proxéctase unha liña de media tensión subterránea de 35 metros de lonxitude e a desmontaxe de 17 metros do condutor RHV.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Deputación Provincial de Pontevedra, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Vigo e pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. Mediante o escrito do 12.9.2022 este departamento territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.
4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 12 de setembro de 2022, publicada nos seguintes medios:
DOG (Diario Oficial de Galicia): 3.10.2022.
Xornal Faro de Vigo: 24.9.2022.
Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo.
Portal da transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
5. O 16.11.2022, Manuel Alonso Fernández, en representación da sociedade Alonso Muras Inversiones, S.L., manifestou que a titularidade da parcela corresponde á sociedade que el representa e non a el. Tamén alegou que non se concretan as razóns que xustifiquen a necesidade da instalación do centro de transformación na parcela pretendida e que a expropiación causará prexuízos económicos.
6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa resposta UFD destaca que procede o cambio de titularidade da parcela.
Canto á falta de xustificación, afirma que o proxecto técnico cumpre con todos os requisitos formais e de carácter técnico e legais exixidos pola lexislación vixente na materia. Destacan que a rede que se pretende executar é unha obra nunha rede de distribución de enerxía eléctrica, e como tal ten declarada a súa utilidade pública ex lege.
Por último afirma que o centro de transformación existente 36CMD2 non ten capacidade para subministrar a potencia demandada na zona, xa que non ten espazo para instalar o bloque compacto necesario para ampliar a potencia do centro de 400 kVA a 630 kVA.
7. Os servizos técnicos deste departamento territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, en que conclúen que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Respecto aos datos incorrectos sobre a titularidade da parcela, tense en conta a contestación da empresa promotora.
Con relación ao recoñecemento en concreto de utilidade pública de estas instalacións e de acordo coa normativa, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No caso que nos ocupa a empresa distribuidora solicita a declaración de utilidade pública e entrega a relación de bens e dereitos afectados (RBDA).
Respecto á falta de xustificación do cambio de localización do centro de transformación, tense en conta a contestación de UFD.
Con relación aos prexuízos ocasionados, informan que o poderá poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.
Consideracións legais e técnicas.
1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm 22. do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor tipo RHZ1, de 35 metros de lonxitude, coa orixe no pórtico existente formado por dous apoios do tipo HV-630-9, mediante un paso aéreo subterráneo, e final na cela de media tensión do centro de transformación proxectado.
Centro de transformación compacto telecontrolado, a 630 kVA, con R.T. 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 3315305NG2731N0001KL.
A instalación está situada na rúa Ramiro Pascual, núm. 18, Matamá, municipio de Vigo (Pontevedra).
4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:
Con relación ao prexuízo que causa a instalación do centro de transformación na parcela, cómpre sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.
De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.
Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.
Respecto á declaración de utilidade pública, no sistema regulador do sector eléctrico a declaración de utilidade pública require basicamente dous requisitos: a xustificación da necesidade da instalación de que se trate, o que leva implícita a súa utilidade pública; e a determinación dos bens e dereitos cuxa expropiación afecta. A propia distribuidora acompaña unha relación de bens e dereitos afectados e pon de manifesto que na zona hai que mellorar a calidade de subministración. A calidade do servizo é unha obrigación das empresas distribuidoras.
Canto á falta de xustificación do cambio de localización do centro, destacar que o centro actual non ten capacidade para soportar a ampliación de potencia de 400 a 630 kVA.
Conforme o indicado,
Resolvo:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS BAL701 e substitución CT Carneiras 2 (36CDM2), expediente IN407A 2022/334-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 26 de xullo de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
Anexo
Relación de bens e dereitos afectados-Concello de Vigo
|
Nº |
Lugar |
Cultivo |
Referencia catastral |
Titular |
CT |
Afeccións |
|
|
m2 |
Lonxitude |
m2 sub. |
|||||
|
1 |
Rúa Ramiro Pascual, núm.18 |
Urbano |
3315305NG2731N0001KL |
Alonso Muras Inversiones, S.L. |
16,81 |
1,86 |
18,49 |
