De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise pública a notificación que se indica, ao non ser posible efectuar a notificación por outras vías ao tratarse dun propietario descoñecido. Por medio deste anuncio remítese notificación ao titular da parcela con referencia catastral 36049A018003360000KB, situada no concello de Salceda de Caselas, parroquia de Santa María, lugar de Altamira, leira descrita no Catastro co nome de Cagueño, por un posible incumprimento das obrigas previstas no artigo 135 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, en relación coa xestión de biomasa. Titular descoñecido, parcela Cagueño, referencia catastral 36049A018003360000KB, polígono 18, parcela 336, Altamira-Santa María, Salceda de Caselas.
Expediente número: 1454/2024.
Resolución con número e data establecidos á marxe.
Procedemento: protección da legalidade ambiental e de actividades.
Asunto: orde de execución por incumprimento da obriga de conservación da masa vexetal.
Localización: Altamira, Santa María, parcela catastral 36049A018003360000KB.
Interesados: descoñecidos.
Decreto de Alcaldía
Visto que o 3 de xullo de 2024, emítese de oficio informe técnico municipal pola técnica en medio ambiente e urbanismo, no que se conclúe que as árbores que se atopan nas inmediacións do camiño da Costa na parcela 336 do polígono 18 corren risco de caída e recomenda a súa corta.
Visto o informe xurídico-proposta de resolución que se reproduce a continuación, emitido para o Concello de Salceda de Caselas o 8 de xullo de 2024 polo avogado Carlos Abal Lourido, e tendo en conta os antecedentes de feito que nel se indican:
«(...)
Informe:
1. Consta no expediente informe no que se advirte que na parcela catastral 36049A018003360000KB se atopan cinco árbores, piñeiros de gran tamaño pretos á estrada da Costa e que están completamente secos polo que corren risco de caer, e recoméndase a súa corta urxente.
2. A parcela na que se atopan as árbores está clasificada nas normas subsidiarias do Concello de Salceda de Caselas como solo de núcleo rural, xa que de conformidade coa disposición transitoria primeira Lei 2/2016, do solo de Galicia, epígrafe 2.c), ao solo incluído no ámbito dos núcleos rurais ou nas delimitacións do solo non urbanizable de núcleo rural de alta densidade aplicaráselle integramente o disposto no planeamento respectivo.
3. En canto ao que se pretende, xestión da masa vexetal dunha parcela sita en núcleo rural, coincide co obxecto da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. Agora ben, débese ter en conta que a norma citada, que ten por finalidade a defensa de montes e terreos forestais, así como a protección das persoas e bens fronte aos incendios, limita o seu ámbito de aplicación ás denominadas redes de protección, primaria, secundaria e terciaria, que se corresponden con aquelas zonas de influencia forestal, pero alleas aos terreos urbanos (ou de núcleo rural) propiamente ditos, como é o caso que nos ocupa.
Polo tanto, naquelas parcelas en que resulta imprescindible levar a cabo un labor de xestión da biomasa vexetal, pero que, porén, se atopan ben dentro da trama urbana ben dentro da delimitación dun núcleo rural, esta labor de xestión da biomasa vexetal atópase comprendida dentro das obrigas dos propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións, a que se refire o artigo 135 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.
Deste xeito, o punto terceiro do artigo 135 da Lei do solo de Galicia establece que «os propietarios de terreos conservarán e manterán o solo natural e, de ser o caso, a masa vexetal nas condicións precisas que eviten a erosión e os incendios, impedindo a contaminación da terra, o aire e o auga, e demais condicións que se determinen na lexislación vixente».
4. Polo tanto, nada impide que aínda tratándose dunha parcela que non se atope dentro daquelas faixas de protección a que se refire a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, por estar nunha zona urbana, se poida tramitar o correspondente procedemento para que tales labores se leven a cabo ou, se é o caso, se poidan exixir.
Agora ben, débese ter en conta que o procedemento a seguir será o procedemento previsto na Lei do solo de Galicia para exixir o cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 135, que se refire ás ordes de execución.
5. Neste senso, o artigo 136 da Lei do solo de Galicia, e o 355 do Decreto 143/2016, establecen que os concellos mediante o correspondente expediente e logo de audiencia dos interesados, ditarán ordes de execución que obriguen aos propietarios de bens inmobles a realizar cantas actuacións necesarias para dar cumprimento ás obrigas sinaladas no artigo anterior, entre as cales se atopa sinalada de xeito expreso, a de conservar a masa vexetal nas condición precisas que eviten erosión e incendios, á cal se refire o artigo 135.3 antes citado.
En relación co procedemento a seguir, o devandito artigo 335 do Decreto 143/2016, establece que antes de que se dite resolución deberá emitirse informe técnico e xurídico por parte dos servizos técnicos municipais con audiencia aos interesados.
O prazo máximo para ditar e notificar a orde será de seis meses dende o acordo de incoación.
6. Agora ben, no caso que nos ocupa non figura titular catastral da parcela ningún por ser estes descoñecidos.
Cando en situación como esta, é dicir, na que os interesados son descoñecidos, para os efectos de notificar o acto que se trate, o artigo 44 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP) establece que ‹‹cando os interesados nun procedemento sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben, intentada esta, non se puidese practicar, a notificación farase por medio dun anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado (BOE)».
Polo tanto, dado que non consta ningún dato que permita dar co posible titular da parcela para os efectos da notificación, cómpre proceder conforme co previsto neste artigo publicando a presente resolución no BOE.
7. En relación co fondo do asunto, no predio existen unha serie de árbores de gran tamaño, piñeiros, que están no linde coa estrada da Costa e que, segundo manifesta a técnica municipal de medio ambiente, poden supor un risco para os usuarios e demais veciños que transiten polo lugar por atoparse completamente secos, circunstancia que pode ser intencionada, segundo apunta a técnica, ao apreciarse nas árbores marcas e perforacións.
Asemade, sinala que as árbores que corren risco de caída por perder a súa verticalidade, son cinco piñeiros, é dicir, especies propias dun uso forestal e que, en principio, resulta incompatible co tipo de solo no que se atopan, ademais de estar comprendidas na táboa que figura na disposición adicional terceira da Lei 3/2007. A maior abastanza, tampouco presentan ningún valor singular ou ornamental.
Por tales motivos, a técnica municipal conclúe que resulta procedente a súa corta, cuestión que entende suficientemente xustificada por mor do seu estado e o risco de caída que supón.
Tendo en conta entón o que sinala a técnica, debe concluírse que o risco de caída é certo, o que motiva a urxencia da intervención.
8. No artigo 56.1 da LPACAP, sinálase que iniciado o procedemento, o órgano competente para inicialo, de oficio ou por instancia de parte, poderá adoptar medidas provisionais que se consideren oportunas para asegurar a eficacia da resolución que puidese ditarse, se existen elementos de xuízo suficientes para iso, de acordo cos principios de proporcionalidade, efectividade e menor custo.
Asemade, o punto 4 do dito artigo establece que non se poderán adoptar medidas provisionais que poidan causar prexuízo de difícil ou imposible reparación.
No caso que nos ocupa, tal e como se infire do informe da técnica, existe un risco por mor dunha posible caída de varias árbores que perderon a súa verticalidade, risco que se pode ver incrementado por circunstancias meteorolóxicas adversas que se poden manifestar en calquera época do ano.
A dita situación agrávase pola falta de identificación duns propietarios concretos da parcela que son descoñecidos.
Ademais, tampouco se pode obviar o feito de que estamos ante unha parcela situada nun núcleo rural, polo que a perigosidade polo risco de caída dunha árbore sobre unha persoa ou sobre un ben aumenta considerablemente, xa que é de supor que se trata dunha zona moito máis transitada que de tratarse da contorna dunha parcela rústica que se supón máis afastada e menos transitada.
9. Tales motivos xustifican a urxencia da corta das árbores que se sinalan no informe técnico.
Agora ben, non se pode obviar que, ao tempo que cómpre dar audiencia aos interesados por tratarse dunha exixencia constitucional (cfr. artigo 105 da Constitución española), ademais de estar prevista no propio procedemento, a resolución do expediente urxe polo risco de caída das devanditas árbores, motivo polo que, aínda que se deberá incoar o expediente de orde de execución con audiencia aos interesados, nada impide que, pola urxencia da adopción das medidas, se ordene a corta das árbores, o que non resultaría contrario ao procedemento por existir no expediente informe técnico e xurídico que xustifican a urxencia da medida e a necesidade da súa adopción.
Asemade, tampouco resultaría improcedente que neste intre, se acorde que, en caso de que non se atenda á orde de corta, a dita medida sexa executada de xeito subsidiario por parte do Concello, e iso porque non existen uns titulares identificados polo que se presume que ninguén se fará cargo disto, e a medida urxe polo risco de caída das árbores.
Ademais, en todo caso, a execución da medida por parte do Concello non se podería considerar como un prexuízo de imposible reparación para os posibles titulares, toda vez que as ditas árbores non contan con ningún valor singular ou ornamental que, en todo caso, resultaría cuantificable economicamente e que a súa corta resultaría inevitable dada a incompatibilidade das ditas árbores no solo e polas condicións nas que se atopan.
Por todo o anteriormente exposto, proponse:
Incoar expediente de orde de execución por un posible incumprimento das obrigas previstas no artigo 135 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, en relación coa xestión da masa vexetal da parcela catastral 36049A018003360000KB, na que se atopan varios piñeiros que presentan un risco de caída debido ao seu mal estado de conservación.
Publicar a presente resolución no BOE conforme o previsto no artigo 44 da LPACAP, co fin de notificar e conceder aos titulares da parcela 36049A018003360000KB (titulares descoñecidos) un prazo de 10 días hábiles, contado desde o seguinte ao da publicación no BOE desta resolución, co fin de que poidan presentar as alegacións, xustificacións e documentos que consideren oportunos.
Ordenar a corta das árbores que se identifican no informe técnico (cinco pñeiros), sitos nas inmediacións da estrada da Costa, na parcela que se atopa no lugar de Altamira, Santa María, con número de referencia catastral 36049A018003360000KB por supor un perigo para usuarios e veciños da estrada da Costa e demais viandantes debido ao seu estado, para o que se concede un prazo de 15 días, contado dende o seguinte ao da notificación da presente resolución.
Advertir os interesados de que, en caso de non atender a orde de corta no prazo indicado, o Concello procedera a executala subsidiariamente a través dos seus propios servizos ou valéndose dunha entidade contratada para tal fin, sen necesidade de máis trámite.
Notificar a correspondente resolución con expresión dos recursos que procedan.
En uso das atribucións que me confire o artigo 21.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e demais lexislación aplicable, en especial a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do solo de Galicia; Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e as normas subsidiarias de planeamento de Salceda de Caselas, aprobando a proposta incluída no informe xurídico mencionado, que serve de motivación deste acto,
RESOLVO:
Incoar expediente de orde de execución por un posible incumprimento das obrigas previstas no artigo 135 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, en relación coa xestión da masa vexetal da parcela catastral 36049A018003360000KB, na que se atopan varios piñeiros que presentan un risco de caída debido ao seu mal estado de conservación.
Publicar a presente resolución no BOE conforme o previsto no artigo 44 da LPACAP, co fin de notificar e concederlle aos titulares da parcela 36049A018003360000KB (titulares descoñecidos) un prazo de 10 días hábiles contado dende o seguinte ao da publicación no BOE da presente resolución, co fin de que poidan presentar as alegacións, xustificacións e documentos que consideren oportunos.
Ordenar a corta das árbores que se identifican no informe técnico (cinco piñeiros) sitos nas inmediacións da estrada da Costa, na parcela que se atopa no lugar de Altamira, Santa María, con número de referencia catastral 36049A018003360000KB por supor un perigo para usuarios e veciños da estrada da Costa e demais viandantes debido ao seu estado, para o que se concede un prazo de 15 días contado dende o seguinte ao da notificación da presente resolución.
Advertir os interesados de que, en caso de non atender a orde de corta no prazo indicado, o Concello procederá a executala subsidiariamente a través dos seus propios servizos ou valéndose dunha entidade contratada para tal fin, sen necesidade de máis trámite.
Notificar a correspondente resolución con expresión dos recursos que procedan.
Salceda de Caselas, 26 de xullo de 2024
Mª Dolores Castiñeira Alén
Alcaldesa
