Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Couso da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso, no concello de Ponteareas (expediente RE22035).
O 12.3.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 21.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2324257 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Couso, lugar de Couso, parroquia de Guláns (Ponteareas) solicita a revisión do esbozo do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) de Couso (ID 3029). A dita solicitude deu lugar a apertura do expediente RE22035. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Revisión do esbozo da carpeta ficha do MVMC de Couso, lugar de Couso, parroquia de Guláns, concello de Ponteareas. Asinada pola enxeñeira colexiada núm. 1227 do COETF de Galicia o 21.9.2022.
– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Couso do 8.5.2023 da aprobación en asemblea xeral do 16.4.2023.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPSG: 25829.
A memoria técnica da revisión parcial do monte Couso indica que:
– Revísase o perímetro interior de dous encravados existentes no monte veciñal: Lugar e Couso de 81,52 ha e Veiga de Chans de 0,94 ha. A liña proposta baséase nun deslindamento executado ano 2005 cos propietarios particulares e no ano 2006 colocáronse marcos de pedra numerados e levantados co GPS antes de proceder co amolloamento.
– A revisión recolle a avinza coa CMVMC de Xinzo (Ponteareas) expediente Avinza 02/2012 e o deslindamento administrativo da CMVMC de Atios (Porriño).
– A revisión respecta o deslindamento administrativo coa CMVMC de Cans (O Porriño) expediente DC22016 e o esbozo da CMVMC de Xinzo (Ponteareas) expediente RE22032.
Segundo. O MVMC de Couso foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 19.5.1992 e unha superficie inicial de 197 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC de Couso dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360084 e vixente ata 2029.
– Avinza núm. 02 do ano 2012 coa CMVMC de Guláns (Ponteareas).
– Deslindamento administrativo coa CMVMC de Cans (Porriño) (DOG núm. 16, do 23 de xaneiro de 2024).
– Deslindamento executado pola Administración forestal da CMVMC de Atios (Porriño).
– Non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto parcial é de 187,87 ha e 9,27 km. A descrición da resolución de clasificación do 19.5.1992 do Xurado de MVMC de Pontevedra modifícase cos nomes, cabidas e límites que a continuación se consignan:
Monte: Couso.
Superficie: 187,87 ha.
Norte: monte veciñal en man común de Xinzo, entre o Penedo dos Pintos (extremo NE de Chan da Veiga ou Veiga do Chan) ata Castelo de Arcela e de alí, cara ao oeste, ata o monte da parroquia de Atios.
Sur: monte veciñal en man común da parroquia de Picoña (aliñacións de marcos 1-2-3 do deslindamento do monte veciñal en man común da parroquia de Picoña).
Leste: monte veciñal en man común da parroquia de Guláns. Desde o marco número 3 do deslindamento do monte veciñal en man común de Picoña ás ruínas da ermida de San Martiño e logo Vega de Chans ou Chan da Veiga bordeando a repoboación do consorcio do monte de Guláns (liña de postes de pedra) ata Penedo dos Pintos, ao norte de Veiga de Chans.
Oeste: monte veciñal en man común da parroquia de Atios dende a súa colindancia co monte de Xinzo, seguindo cara ao sur polo lombo de Pereira ata Chandeira e de aí a Pedra das Redes.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Couso (Ponteareas), expediente RE22035, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo do monte Couso proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Couso e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a cartografía que consta no expediente.
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Couso e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Couso, clasificado a prol da CMVMC de Couso (Ponteareas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.
Pontevedra, 1 de agosto de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
