DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Mércores, 21 de agosto de 2024 Páx. 47616

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Santiña, Horvenllo e Sequeiros, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiña, Horvenllo e Sequeiros, no concello de Portas (expediente RE22038).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Santiña, Horvenllo e Sequeiros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santiña, Horvenllo e Sequeiros, no concello de Portas (expediente RE22038).

O 18.4.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2340204 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Santiña, Horvenllo e Sequeiros (Portas) solicita a revisión do esbozo do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) Santiña, Horvenllo e Sequeiros (ID2996). A dita solicitude deu lugar a apertura do expediente RE22038. Consta no expediente:

– Memoria xustificativa para a revisión do esbozo no Monte Veciñal en Man Común de Santiña, Horvenllo e Sequeiros, parroquia de Portas, concello de Portas, Pontevedra. Asinada o 23.9.2022 pola enxeñeira técnica forestal núm. 807 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Santiña, Horvenllo e Sequeiros do 27.2.2024 da aprobación en asemblea xeral do 24.4.2022.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N.

O monte veciñal está constituído por 3 cotos redondos:

– A proposta de revisión do monte Sequeiros solapa parte do esbozo do monte da CMVMC de Castro e Piñeiro. Ambas comunidades teñen un acordo de deslindamento que ratifica a liña proposta. O linde coas parcelas particulares están delimitadas por cerramentos de pedra sobre pedra.

– A proposta de revisión do monte Santiña solapa parte do esbozo do monte da CMVMC de Lantaño. Coa documentación achegada verifícase o erro no esbozo da CMVMC de Lantaño. Ambas comunidades teñen un acordo de deslindamento que ratifica a liña proposta. O linde coas propiedades particulares están delimitadas segundo os marcos do monte de utilidade pública núm. 114-3 Paredes, Casal e outros.

– A proposta do monte Horvenllo solapa parte do monte veciñal da CMVMC de Romai e da CMVMC de Liñar, Graña, Casal e Souto de Poio. Coa documentación achegada verifícase a liña proposta e as comunidades afectadas deberán actualizar o seu esbozo.

Sobre o límite con parcelas particulares no monte de Horvenllo existe un auto do 4.5.2012 do Xulgado de Instrución número 2 de Caldas de Reis no procedemento abreviado 861/2011, en que está delimitada a única parcela particular por un muro de pedra sobre pedra.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro dos montes veciñais Santiña, Horvenllo e Sequeiros con resolución de clasificación do 24.5.1982 e unha superficie inicial de 24,00 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Santiña, Horvenllo e Sequeiros dispón dun documento simple de xestión inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 360339 e vixente ata 2051.

– Non constan actos de disposición que modifiquen o perímetro e superficie do MVMC.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 23,16 ha e 4,18 km cunha superficie por monte de: Sequeiros 4,56 ha, Santiña de 5,00 ha e Horvenllo de 13,60 has. Non se modifican os límites establecidos na resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 24.5.1982.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Santiña, Horvenllo e Sequeiros (Portas), expediente RE22038, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do MVMC Santiña, Horvenllo e Sequeiros da CMVMC de Santiña, Horvenllo e Sequeiros proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade veciñal e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Santiña, Horvenllo e Sequeiros e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Santiña, Horvenllo e Sequeiros clasificado a prol da CMVMC de Santiña, Horvenllo e Sequeiros (Portas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada polo mesmo.

Pontevedra, 1 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra