Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Campo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Campo, no concello de Marín (expediente RE22040).
O 22.2.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 23.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2344415, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) do Campo, da parroquia de Santa María do Campo, concello de Marín, solicita a revisión parcial do esbozo do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) Campo (ID 2819). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22040. Consta no expediente:
– Memoria da revisión de esbozo do MVMC do Campo respecto das propiedades privadas, concello de Marín, Pontevedra. Asinado o 28.12.2023 polo enxeñeiro de montes colexiado de Madrid núm. 3.117.
– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC do Campo do 16.9.2022 da aprobación en Asemblea Xeral do 20.11.2021.
– Cartografía en formato dixital.
Proponse a revisión parcial do MVMC Campo:
O monte veciñal é un único couto redondo que limita ao oeste coa CMVMC de San Xulián e no resto dos seus límites con propietarios particulares. No linde coa CMVMC de San Xulián existe en trámite un deslinde (DC22135) consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Revísase o perímetro cos propietarios particulares que foi analizada polos comuneiros de Campo e polos propietarios dos predios particulares e están todos de acordo coa proposta de revisión de esbozo representada. A proposta de revisión de esbozo axusta o límite do monte á cartografía catastral, incluíndo dentro do monte só as parcelas que están catastradas ao seu nome.
Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro parcial do MVMC do Campo con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 26.11.1981 e unha superficie inicial de 28 has. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126, da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC do Campo dispón de instrumento de xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 3600280 e vixente ata o 2030.
– Non constan actos de disposición nin sentencias que modifiquen o MVMC.
– Consta o expediente DC22135 de deslinde entre a CMVMC de San Xulián e a CMVMC de Campo.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 23,05 has e 3,43 km. Non se modifican os límites establecidos na resolución de clasificación do 26.11.1981.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC do Campo (Marín), expediente RE22040, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo parcial do MVMC Campo proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC do Campo e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro.
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Campo e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Campo clasificado a prol da CMVMC do Campo (Marín), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.
Pontevedra, 1 de agosto de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra
