DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Mércores, 21 de agosto de 2024 Páx. 47610

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Marín, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián, no concello de Marín (expediente RE22041).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte de Marín da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián, no concello de Marín (expediente RE22041).

O 22.2.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 26.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2349492, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de San Xulián, da parroquia de San Xián, concello de Marín, solicita a revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Marín (ID 2820). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22041. Consta no expediente:

– Memoria da revisión de esbozo do MVMC de Marín respecto das propiedades privadas, concello de Marín, Pontevedra. Asinado o 28.12.2023 polo enxeñeiro de montes colexiado de Madrid núm. 3.117.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de San Xulián do 20.12.2023 da aprobación en Asemblea Xeral do 17.2.2019.

– Cartografía en formato dixital.

Proponse a revisión parcial do MVMC de Marín:

– No linde co MVMC de Lourizán a proposta de revisión de esbozo respecta o deslinde administrativo existente.

– No linde co MVMC de Vilaboa o esbozo do Monte de Marín fai un pequeno recuamento para axustarse ao límite real existente entre os dous montes.

– No límite coa CMVMC de Santa Cristina faise un recuamento para axustarse ao límite das parcelas catastrais que están ao seu nome. Déixase fóra do esbozo do MVMC de Marín superficie que en realidade é propiedade da CMVMC de Santa Cristina.

– No linde co MVMC de Santo Tomé de Piñeiro respecta o deslinde co número de expediente 0000352/2014 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Marín, que coincide coa liña de deslinde do expediente PO-DESC-11-2015 do Servizo de Montes de Pontevedra.

– No linde co MVMC de Campo a revisión de esbozo establécese de acordo coa proposta de deslinde DC22135 que está presentada entre ambos os montes.

– No linde cos propietarios particulares a proposta de revisión de esbozo axusta o límite do monte á cartografía catastral, incluíndo dentro do monte só as parcelas que están catastradas ao seu nome. Elimínase do esbozo un gran número de enclavados, é dicir, parcelas catastrais de propiedade de particulares.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro do MVMC de Marín con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 26.11.1981 e unha superficie inicial de 389 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC da San Xulián dispón de instrumento de xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360128 e vixente ata o 2023.

– Non constan actos de disposición que modifiquen o MVMC.

– Consta o expediente PO-DESC-11-2015 de deslinde entre a CMVMC de San Xulián e a CMVMC de Santo Tomé de Piñeiro con toma de razón do Xurado de MVMC de Pontevedra do 10.7.2017.

– Consta o expediente DC22135 de deslinde entre a CMVMC de San Xulián e a CMVMC de Campo.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 286,45 ha e 48,76 km. Non se modifican os límites establecidos na resolución de clasificación do 26.11.1981.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de San Xulián (Marín), expediente RE22041, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo parcial do MVMC de Marín proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de San Xulián e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Marín e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Monte de Marín clasificado a prol da CMVMC de San Xulián (Marín), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 1 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común