Á vista da solicitude formulada polo Concello de Coristanco, relativa á clasificación do posto de traballo de tesoureiro/a como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base nos seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 19 de xuño de 2024 ten entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2024/1968984 e núm. 2024/1968993) a solicitude formulada polo Concello de Coristanco relativa á creación e clasificación do posto de traballo de tesoureiro/a reservado a PFHN, e con esta petición xuntou a seguinte documentación:
– Certificado da secretaria municipal relativo ao Acordo plenario do 29 de xaneiro de 2024 polo que se aproba definitivamente a relación de postos de traballo do Concello, en que se acredita que, logo de realizar a publicación da aprobación inicial no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 121, do 28 de xuño de 2022, achegáronse alegacións, polo que, unha vez resoltas, se aproba definitivamente o acordo e se ordena a súa publicación, que se realiza no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 27, do 6 de febreiro de 2024.
– Certificado da secretaria municipal relativo á cifra do último padrón municipal do Concello de Coristanco segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a un total de 5.779 habitantes.
Segundo. Examinada a solicitude formulada e a documentación remitida polo Concello de Coristanco, esta dirección xeral comprobou que a documentación achegada estaba incompleta. Por esta razón, remitiuse á citada entidade local requirimento de emenda da súa solicitude inicial, co obxecto de que procedese a presentar a documentación sinalada no citado requirimento.
Terceiro. En contestación ao requirimento efectuado, o Concello de Coristanco presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2024/22192010 e núm. 2286782) a seguinte documentación:
– Memoria económica e xurídica xustificativa para a creación e clasificación do posto de tesoureiro/a do Concello de Coristanco como reservado a PFHN.
– Certificado da secretaria municipal relativo aos recursos do orzamento do Concello de Coristanco para o exercicio económico 2024, polo importe de 5.517.701,55 euros.
Polo que pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A creación e a clasificación do posto de tesoureiro/a no Concello de Coristanco como reservado a PFHN veñen impostas polo preceptuado no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018), ao sinalar que nas corporacións locais cuxa Secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de tesoureiro/a reservado a PFHN da subescala de Intervención-Tesouraría. A Secretaría do Concello de Coristanco está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativa a creación e clasificación do dito posto de traballo reservado, ao cal lle corresponde a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación numeradas no artigo 5 do Real decreto 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de Intervención-Tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.
Segundo. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.
A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción do presente acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola xefa do Servizo de Réxime Xurídico e Xestión de PFHN ,
RESOLVO:
Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Coristanco, coas seguintes características:
Entidade local: Concello de Coristanco.
Posto: tesoureiro/a.
Subescala: Intervención-Tesouraría.
Categoría: sen distinción de categoría.
Forma de provisión: concurso de méritos.
Nivel de complemento de destino: 26.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2024
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
