O Pleno da Corporación do Concello, na sesión que tivo lugar o 24 de xuño de 2024, adoptou o seguinte acordo:
Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual número 1 do PXOM no ámbito da OE-6 (Xoán XXIII-Universidade), segundo o documento formulado polos servizos técnicos municipais de Planeamento en xuño de 2024.
Segundo. En aplicación do procedemento de tramitación simplificada regulado no artigo 18 da Lei 1/2019, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, a modificación inicialmente aprobada someterase a información pública durante o prazo dun mes (1 mes), mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.
A documentación sometida a información pública comprenderá todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído un resumo executivo co contido mínimo exixido no número 6 do artigo 144 do regulamento.
Simultaneamente trasladarase a documentación ao órgano competente en materia de urbanismo, quen solicitará os informes sectoriais autonómicos que sexan preceptivos.
Durante o trámite de información pública, o Concello solicitará informes aos órganos competentes da Administración do Estado en materia de telecomunicacións, aviación civil e defensa, e dará traslado á Delegación do Goberno en Galicia para os efectos de que solicite os informes que considere necesarios.
Terceiro. Por aplicación do disposto no artigo 47.2 da LSG e no 86.2 do seu regulamento, o acordo de aprobación inicial determina, por si só, a suspensión dos procedementos de licenza e de comunicación previa para os actos que poidan devir incompatibles co resultado da modificación en trámite. A suspensión afectará:
1. As licenzas de edificación, parcelación e derruba.
2. As obras de nova edificación, así como as de rehabilitación integral que resulten asimilables ás de reconstrución total do edificio, agás as de carácter urxente.
3. As obras de reforma que supoñan aumento do volume edificado.
4. As obras de reforma que non estean permitidas na ficha de catalogación proposta.
5. Os actos que supoñan a implantación de novos usos ou actividades non permitidos pola modificación inicialmente aprobada.
A suspensión non impedirá a autorización de usos e obras provisionais nos termos do artigo 89 da LSG e 204 do seu regulamento.
A suspensión terá unha duración máxima de dous anos, contados desde o acordo de aprobación inicial, e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva e entrada en vigor do novo planeamento.
As persoas interesadas poderán consultar o expediente e alegar por escrito durante o prazo dun mes (1) mes. Este prazo iniciarase o día seguinte ao da última publicación deste anuncio.
A documentación pode consultarse no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, e na páxina web do Concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/modificacion_do_pxom_num_1_OE6_Xoan_23_Universidade/gl
As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe Catálogo de trámites a través do trámite Presentación de documentación e alegacións e da opción Achega libre. Deberase introducir o dato 2023/37144A no campo Referencia e incorporar o documento das alegacións.
Tamén se poderán presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024
A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo,
Vivenda e Cidade Histórica
