DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 30 de agosto de 2024 Páx. 48720

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 8 de agosto de 2024 pola que se regula o réxime de axudas a centros docentes privados concertados dependentes desta consellería para participar no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25 (código de procedemento ED301L).

O novo marco curricular do sistema educativo galego pon de manifesto a necesidade de que o alumnado adquira competencias que lle permitan habilidades de traballo en equipo, desenvolvemento do espírito crítico e habilidades comunicativas nunha lingua estranxeira. O alumnado debe aprender cos feitos, observándoos e logo interpretándoos por medio de experimentos e con razoamento rigoroso. Espérase que el mesmo redescubra e comprenda principios fundamentais a través da observación e da propia reflexión. Faise necesario captar o interese do alumnado, destacar a importancia e a utilidade do que se aprende para resolver problemas nun futuro inmediato e así acadar unha repercusión directa cara a futuras vocacións.

A Estratexia galega de linguas estranxeiras 2030 (EDUlingüe) pretende, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino en linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. Para favorecer unha maior adquisición de destrezas lingüísticas por parte do alumnado dos centros educativos, a Estratexia galega de linguas estranxeiras 2030 (EDUlingüe), na liña 7, Programa de inmersión lingüística activa, desenvolve programas formativos de inmersión lingüística.

A Estratexia galega de educación dixital 2030 favorece a adquisición das competencias clave do alumnado necesarias para o século XXI, tanto as transversais como as máis propiamente vinculadas ao ámbito dixital e ao STEM, a competencia matemática e a competencia en ciencia e tecnoloxía e enxeñaría, tendo en conta o seu vínculo coa arte, a creatividade e a innovación, e motiva os mozos e mozas, en especial as mozas, para que opten por carreiras profesionais nestes ámbitos.

Por este motivo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional organiza o programa formativo Digitalweek, que se desenvolverá durante o curso escolar nun centro residencial situado na Comunidade Autónoma de Galicia en réxime de internado onde se estimulará a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa, co obxectivo da mellora da competencia en lingua inglesa a través de actividades dixitais, así como actividades complementarias que promovan a actividade física e a socialización.

O programa procurará a inmersión en lingua inglesa do alumnado de xeito que lle permita desenvolver nun contorno real a súa comunicación mediante actividades do ámbito dixital.

En consecuencia, de conformidade co exposto, e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten como obxecto regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para participar no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, durante o curso 2024/25 (código de procedemento ED301L).

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso por parte das persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, ao formulario de solicitude (anexo I), denomínase Axudas a centros docentes privados concertados para participar no programa Digitalweek, código de procedemento ED301L.

Non poderán ter a condición de centros beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados nos cales se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Destinatarios

Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nos cales se imparta 6º de educación primaria ou educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25.

Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas do mesmo nivel educativo.

O alumnado participante de cada centro irá acompañado dun/dunha docente do centro educativo.

Artigo 3. Obxectivos e características do programa Digitalweek

O programa Digitalweek desenvolverase de acordo co obxectivo e coas características que se especifican a seguir:

1. O obxectivo principal deste programa é proporcionarlle ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística que lle permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa a través de actividades dixitais. Así mesmo, contará con actividades e accións formativas non só académicas senón tamén que fomenten a actividade física, a socialización e o coñecemento cultural e tecnolóxico do contexto galego cunha metodoloxía adecuada á súa etapa educativa.

2. O contido deste programa inclúe actividades académicas, de tempo libre e obradoiros. En calquera caso, a finalidade é promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en lingua inglesa, e a adquisición dunha mellor competencia dixital, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a dita aprendizaxe.

3. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa; promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e o coñecemento do contorno, segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030 (Enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sustentables, acción polo clima).

Artigo 4. Duración e datas de realización das actividades

1. Estas actividades realizaranse en réxime de internado nun centro residencial situado na Comunidade Autónoma de Galicia, en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá.

2. Levaranse a cabo durante os meses de novembro e decembro de 2024, de acordo co seguinte calendario e distribución por niveis:

Centros

Quenda

Datas 2024

Cursos

Alumnado

Centros privados

concertados

1ª quenda

Do 24 ao 30 de novembro

3º e 4º ESO

125

2ª quenda

Do 1 ao 7 de decembro

1º e 2º ESO

125

3ª quenda

Do 8 ao 14 de decembro

6º EP

125

Artigo 5. Organización das actividades

1. A xestión e a organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante, a Consellería). A empresa ou as empresas ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

2. Os centros que resulten seleccionados enviaranlle á Consellería a listaxe de alumnado participante antes do comezo da actividade en cada quenda, segundo o modelo que se lles facilite con anterioridade.

3. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións de participación nesta actividade dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que se lles facilite para tal fin antes do inicio da actividade. Así mesmo, entregaranlles aos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado a documentación de participación relativa ao desenvolvemento da actividade, que lles será facilitada pola Consellería con anterioridade ao inicio de cada quenda para que sexa presentada, debidamente cuberta e asinada, no momento da entrega do alumnado no centro residencial o primeiro día de cada quenda.

4. As familias ou, se é o caso, os centros educativos, encargaranse da organización do traslado do alumnado ao centro residencial en que terán lugar as actividades, así como da súa recollida cando rematen. A Consellería e os centros educativos non asumirán os gastos derivados destes desprazamentos.

5. O alumnado estará acompañado por un/unha profesor/a de inglés ou outro/a profesor/a do centro cun coñecemento da lingua inglesa adecuado para participar no dito programa de inmersión nesta lingua durante o desenvolvemento da actividade. Este profesorado responsabilizarase da adecuada participación do seu grupo na actividade.

6. O alumnado que contraveña calquera das normas da residencia será expulsado inmediatamente. No caso de expulsión, serán os pais, nais ou titores legais os que se fagan cargo do traslado do ou da menor.

Artigo 6. Financiamento e contía das axudas

1. A contía das axudas a que se refire esta orde aboaráselle directamente á empresa que resulte adxudicataria da licitación pública convocada para tal efecto e será financiada con cargo á partida orzamentaria 37.03.423A.780.3 por un importe máximo de 186.300,00 €.

2. O custo total de cada actividade inclúe:

a) As persoas docentes e monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

b) Os gastos de docencia e o material escolar.

c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

d) Os gastos de manutención e aloxamento do alumnado e do profesorado acompañante.

e) Certificado de realización da actividade.

f) Seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

3. A contía individualizada da subvención determinarase a partir dos prezos unitarios por alumnado e profesorado e o número de alumnos/as e docentes que o centro inscribe na actividade.

Artigo 7. Condición de realización do programa

A realización do programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, durante o curso 2024/25, polo que se convocan estas axudas, queda condicionada á adxudicación do procedemento de licitación polo que se seleccionarán e contratarán as empresas referidas no artigo 5.

Artigo 8. Procedemento e prazo de solicitude

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

5. Así mesmo, e co fin de axilizar o proceso de solicitude, os centros educativos participantes nesta convocatoria deberán rexistrar os datos de participación completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación a que se accede na ligazón https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos, seleccionando Programas de éxito educativo, e a continuación o programa Digitalweek-centros concertados.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Certificación de que o Consello Escolar foi informado da participación neste programa, segundo o modelo do anexo II.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Criterios de selección dos centros

Os centros serán seleccionados conforme os seguintes criterios e puntuación:

1. Por formar parte da Rede de centros plurilingües: 1,5 puntos.

2. Por contar con seccións bilingües: ata 1,5 puntos; 0,10 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2024/25.

3. Participar en programas da Estratexia galega educación dixital 2030: ata 3 puntos.

a) Centro participante en E-Dixgal: 1,5 puntos.

b) Centro participante no programa Club de Ciencia: 1,5 puntos.

4. Non ter participado na Digitalweek en edicións anteriores: 1,5 puntos.

5. Non ter participado na Spring Week en edicións anteriores: 1,5 puntos.

6. Centros situados en concellos rurais: ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Concellos de menos de 1.000 habitantes: 1 punto.

b) Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes: 0,75 puntos.

c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes: 0,50 puntos.

d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes: 0,25 puntos.

Artigo 13. Instrución e Comisión de Valoración

1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

3. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo 12, avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada.

4. A valoración das solicitudes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

• A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.

• A persoa titular do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.

• A persoa titular do Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.

• Dúas persoas asesoras da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa; unha delas actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

5. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará as resolucións provisionais que correspondan.

7. Por último, logo do informe final da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución definitiva e a elevará ao conselleiro para resolver.

Artigo 14. Procedemento de selección dos centros

A Comisión de Selección realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes segundo a puntuación obtida conforme os criterios que figuran no artigo 12 desta orde. En caso de empate entre os centros, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no criterio 3 do artigo 12.

b) Maior puntuación no criterio 4 do artigo 12.

c) Maior puntuación no criterio 5 do artigo 12.

d) Maior puntuación no criterio 6 do artigo 12.

De se manter o empate, terá preferencia o centro que teña maior número total de alumnado matriculado no curso 2024/25.

Artigo 15. Resolución provisional

1. Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal

2. Nesta resolución figurarán os centros seleccionados e a quenda que lles corresponde, os centros que quedan como suplentes e os centros excluídos.

3. No caso de non se cubrir o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada da Comisión de Selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, modificar o nivel a que vai dirixida algunha destas quendas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes.

4. Logo da publicación da resolución provisional, abrirase un prazo de cinco días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias ante a persoa que exerza a presidencia da Comisión.

Artigo 16. Resolución definitiva

1. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevará ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a proposta definitiva, na cal se sinalarán a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria. No caso de non se cubrir o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada da Comisión de Selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, así como modificar o nivel destas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes co fin de resultar as mínimas vacantes desertas.

2. A resolución definitiva será ditada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.

3. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no punto segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Recurso

Contra a resolución definitiva, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Prazo, forma de xustificación e certificación

1. Para os efectos de xustificación, os centros seleccionados a través desta convocatoria deberán presentar unha memoria de actividades ante a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, con data límite do 30 de xaneiro de 2025, segundo o procedemento que se indique con anterioridade, e deberá contar coas seguintes epígrafes:

a) Relación nominal (DNI e posto de traballo) do/da docente que asistiu á actividade.

b) Número de alumnos e alumnas asistentes do seu centro docente.

c) Repercusión da actividade na mellora da competencia lingüística en lingua inglesa e dixital do alumnado.

d) Grao de participación e implicación da persoa docente e do alumnado nas actividades.

e) Adecuación do programa e das actividades programadas á consecución dos obxectivos.

f) Avaliación dos aspectos técnicos e organizativos da actividade.

g) Suxestións e propostas de melloras.

2. Despois da avaliación positiva desta memoria, o profesorado que participa neste programa recibirá certificación de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 23. Compatibilidade das axudas a centros concertados

Esta subvención é compatible con calquera outra para a mesma finalidade. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

Artigo 24. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Certificación do Consello Escolar da solicitude de participación no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25

Don/dona............................................................................, en calidade de secretario/a do

Consello Escolar do centro educativo......................................................................................

Código.......................................... do concello de ...............................................................

CERTIFICA:

1. Que o Consello Escolar do centro coñece o contido e as características da Orde para a participación do centro educativo no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25.

2. Que o Consello Escolar, na sesión do día .......... de.................................... de 2024, foi informado da participación no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2024/25.

E para que conste, asínoo no lugar e na data indicados.

........................................................, ...... de .......................................... de 2024.

Visto e prace

Presidente/a do Consello Escolar Secretario/a