O día 3 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de marzo de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2024 e 2025, das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.
No seu artigo 1 disponse que esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor natural, como son as reservas da biosfera.
A finalidade desta orde é a de contribuír a deter e inverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes, contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Investimentos non produtivos en servizos básicos no medio natural-subintervención 68710_01 RN 2000, incluída no PEPAC 2023-2027.
Ao abeiro desta convocatoria de axudas téñense presentado unha gran variedade de proxectos e actuacións, de complicada análise e valoración, o que implica un grande esforzo administrativo e técnico para as direccións territoriais. Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para a emenda tanto de documentación como de erros e, ademais, nas actuacións que supoñían un investimento, foi necesario realizar inspeccións previas en campo para efectuar as comprobacións oportunas de axuste ao solicitado.
Todo o anterior xerou unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo de que dispoñían as persoas e entidades beneficiarias para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención. A orde inicial establecía, no seu artigo 20.1.a), o 16 de setembro de 2024 como data límite para que as persoas e entidades beneficiarias executasen e presentasen a xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2024.
En virtude das dificultades expostas e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do artigo 20 da Orde do 19 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2024 e 2025, das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, nos seguintes termos:
1. Modifícase o artigo 20.1.a), que queda redactado como segue:
«a) Anualidade 2024:
1º. No caso de non solicitar anticipo, a persoa beneficiaria deberá solicitar o pagamento da anualidade correspondente ao ano 2024 (anexo V), unha vez executada e xustificada a actividade correspondente.
2º. Para a anualidade de 2024 só se admitirán aqueles gastos efectivamente realizados e pagados entre a data de emisión da acta de non inicio recollida no artigo 6 ou, de ser o caso, da presentación da declaración responsable recollida nese mesmo artigo, e o 4 de novembro de 2024.
3º. No caso das persoas beneficiadas que solicitasen o anticipo, todas as actuacións deberán estar executadas e pagadas con data límite do 4 de novembro de 2024, aínda que poderán presentar a documentación xustificativa do importe anticipado na data establecida para a anualidade 2025, xunto coa xustificación final».
Disposición derradeira única.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2024
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
