Expediente: IN407A 2023/89-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: LMTS e CS Orro.
Concello: Culleredo.
Feitos.
1. O día 2 de marzo do 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, coa finalidade de ampliar a capacidade da saída GRN704 (A Zapateira-Sigrás).
Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000 e que abrangue os seguintes documentos:
• Proxecto de execución nomeado: LMTS, CS Orro, asinado con data do 25 de xaneiro do 2023 por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con número colexial 2.980 de Vigo.
• Anexo do proxecto para LMTS, CS Orro, asinado o 2 de maio de 2024 por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con número colexial 2.980 de Vigo.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe a Augas de Galicia (Zona Hidrográfica Galicia Norte)-Dirección Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña; Demarcación de Estradas do Estado en Galicia-Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable na Coruña; Axencia Estatal de Seguridade Aérea-Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable; Deputación da Coruña e o Concello de Culleredo. UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos ou presentou as autorizacións dos organismos que emitiron os condicionados.
4. Con data do 7.8.2024 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas.
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024 do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro de 2021).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente se atopan no lugar de Angueiros, parroquia de San Salvador de Orro no concello de Culleredo.
– Liña eléctrica de media tensión subterránea (actuación núm. 1), a 15 kV cunha lonxitude de 877 metros, coa orixe en cela de liña do CT Orro (expediente IN407A 20216/62-1), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al e final en cela de liña CS proxectado.
– Liña eléctrica de media tensión subterránea (actuación núm. 2), a 15 kV cunha lonxitude de 37 m, coa orixe en cela de liña do CS proxectado, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al e final en empalmes proxectados LMTS GRN704.
– Centro de seccionamento prefabricado 3L (2 telecontroladas) GSM/GPRS/FO e cela de trafo de tensión auxiliar manobra exterior.
– Proxéctase desmonte de PAS en fachada do CT Orro-15CQ10 (expediente 2016/62) co obxecto de posibilitar a instalación do novo condutor proxectado. Para evitar a substitución do apoio AE2IS2XN//17 que alimenta a derivación do CT Orro Vello-15CVN3, déixase sen servizo o tramo de LMTA en condutor A-56 (expediente 2016/2315) entre a fachada do CT Orro-15CQ10 (expediente 2016/62) e o apoio AE2IS2XN//17 existente pertencente á LMTA GRN704.
Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 9 de agosto de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
