Expediente: IN407A 2023/109-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: LMT, CT e RBT lugar Outeiro.
Concello: Miño.
Feitos:
1. O día 7.3.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de mellorar a calidade da subministración eléctrica no lugar de Outeiro por problemas de subtensións.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado LMT, CT y RBT lugar Outeiro, asinado o día 28.12.2022 (núm. de visado 22202855 do mesmo día) por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, núm. colexiado 2.980 de Vigo, e o anexo 1 ao dito proxecto, asinado polo mesmo enxeñeiro o día 19.6.2024.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte os artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Miño, Augas de Galicia e Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co informe emitido polo Concello de Miño no prazo outorgado para ese efecto. Na data desta resolución, non consta no expediente resposta por parte de Augas de Galicia, nin que a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia emitise un condicionado técnico.
Así mesmo, a empresa acreditou a autorización de Patrimonio Cultural para o proxecto.
4. O día 17.7.2024 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Outeiro, no concello de Miño, e as súas características técnicas son as seguintes:
Instalación dun interruptor telecontrolado en novo apoio proxectado da LMT, PED 709, de tipo C-2000-14 en substitución do existente núm. AQSF3Q7O//69-B-17.
Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15 kV, cunha lonxitude de 954 m, con orixe no PAS proxectado en apoio proxectado na LMT PED709 en substitución do existente núm.AQSF3Q7O//69-B-17, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm2 Al, e final no centro de transformación proxectado.
Centro de transformación prefabricado, tipo rural, de 100 kVA, con relación de transformación 15000/400 V.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 9 de agosto de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
