DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 6 de setembro de 2024 Páx. 49640

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2024 pola que se amplía o prazo establecido no artigo 27 da Resolución do 29 de xaneiro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421N e IN421O).

No Diario oficial de Galicia núm. 29, do 9 de febreiro de 2024, publicouse a Resolución do director do Inega do 29 de xaneiro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421N e IN421O).

O procedimiento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia competitiva, segundo o disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 27 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2024.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, por motivos técnicos e a demora nas entregas de materiais polos provedores e ademais non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 27 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, a cal se amplía ata o 21 de outubro de 2024.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia