Examinado o expediente iniciado por solicitude de Naturgy Renovables, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Patiñeiro, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 23.9.2019, Naturgy Renovables, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Patiñeiro, cunha potencia nominal de 25 MW.
Segundo. O 28.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude e esta presentou, con data do 16.7.2020, xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.
Terceiro. O 6.8.2020, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, consistente en esencia na variación da localización dos aeroxeradores proxectados.
Cuarto. O 10.11.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
Quinto. O 15.12.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no que indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.
Sexto. O 5.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable e, asemade, recolle os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.
Sétimo. O 26.2.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Patiñeiro á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación.
Oitavo. Mediante o Acordo do 19 de maio de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Patiñeiro, no concello de Vimianzo (A Coruña).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4.6.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 9.6.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios do Concello afectado de Vimianzo, e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron expostas no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
No trámite de información pública, así como ao longo da tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas ao promotor para que as contestase en defensa dos seus intereses.
Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Vimianzo, EDP Renovables España, S.L.U., UFD Distribución Electricidad, S.A., Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A. (Cellnex Telecom).
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 25.6.2021, Concello de Vimianzo o 5.7.2021, EDP Renovables España, S.L.U. o 16.6.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 11.6.2021, Retegal, S.A. o 20.6.2021 e Retevisión I, S.A. (Cellnex Telecom) o 29.6.2021.
O Concello de Vimianzo emitiu informe en que formula cuestións ou reparos de carácter urbanístico e referidas ao Plan eólico de Galicia. O promotor deu resposta a estas cuestións.
Así mesmo, Naturgy Renovables, S.L.U. prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.
Décimo. Con data do 4.11.2021, a xefatura territorial, de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009, informou en relación coa normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.
Décimo primeiro. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública e Concello de Vimianzo.
A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o promotor propuxo modificacións do proxecto, consistentes con carácter xeral na eliminación dos aeroxeradores PA-01 e PA-02 e substitución do modelo de aeroxerador proposto, pasando de 5 MW a 6 MW a potencia nominal unitaria e mantendo inalteradas as posicións e dimensións destes.
Cumprida a tramitación ambiental, o 8.5.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico Patiñeiro, que fixo pública mediante o Anuncio do 14 de maio de 2024 (DOG nº 99, do 23 de maio).
Décimo segundo. O 15.5.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.
Décimo terceiro. O 4.6.2024, o promotor presentou a documentación técnica refundida do proxecto do parque eólico, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.
Décimo cuarto. O 19.6.2024, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Vimianzo, EDP Renovables España, S.L.U., UFD Distribución Electricidad, S.A., Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A. (Cellnex Telecom).
A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 15.7.2024, Concello de Vimianzo o 19.7.2024, EDP Renovables España, S.L.U. o 19.7.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 2.7.2024 e Retegal, S.A. o 25.7.2024.
O Concello de Vimianzo emitiu informe en que formula cuestións ou reparos de carácter urbanístico e referidas ao Plan eólico de Galicia, ás que o promotor deu resposta.
Así mesmo, o promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Respecto ao resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.
Décimo quinto. O 17.7.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Décimo sexto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 17,84 MW, segundo o informe do xestor da rede do 18.6.2022. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.
Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24 de abril), o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (DOG nº 101, do 27 de maio), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG nº 252, do 29 de decembro).
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:
1. As alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como coas compensacións económicas que poidan percibir os afectados pola eventual expropiación daqueles, serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución.
2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron remitidas ao órgano ambiental e tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 8.5.2024, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública e Concello de Vimianzo.
3. Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental e incumprimento da lexislación de aplicación, hai que indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Así mesmo, cómpre indicar que durante a tramitación ambiental do proxecto, o promotor achegou addendas ao estudo do impacto ambiental para os efectos de corrixir e completar con información adicional o contido deste, de acordo coas consultas e informes recibidos.
4. No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 5.2.2021, recóllese que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 2.1.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
5. Así mesmo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.
6. Con respecto aos beneficios para a sociedade xerados polo parque eólico que se proxecta, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía.
7. Ao respecto da falta de planificación eólica, cómpre indicar que a Lei 8/2009, do 22 de decembro, define ao Plan sectorial eólico de Galicia como o instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio.
Así mesmo, define área de desenvolvemento eólico (en diante, ADE) como o espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.
8. Ao respecto das cuestións de carácter urbanístico, é preciso indicar que, de acordo co artigo 40 da Lei 8/2009, modificada pola Lei 10/2023, do 28 de decembro:
«1. Conforme o establecido no artigo 35.1.m) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e logo da obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística, os proxectos de parques eólicos e das súas infraestruturas de evacuación poderán implantarse en calquera categoría de solo rústico, ao non implicar a urbanización ou transformación urbanística dos terreos, sen que sexa necesaria a aprobación dun proxecto de interese autonómico regulado pola lexislación de ordenación do territorio.
2. No caso de que o solo fose rústico de especial protección, será necesario obter a autorización ou o informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente con carácter previo á obtención do título habilitante municipal».
Así mesmo, respecto ao contido do proxecto de interese autonómico e á súa tramitación, hai que facer constar que, atendendo ao recollido no artigo 40 da Lei 8/2009, a dirección xeral con competencias en materia de enerxía procederá de oficio a arquivar os procedementos asociados aos proxectos sectoriais ou aos proxectos de interese autonómico relativos a parques eólicos e ás súas infraestruturas de evacuación que se atopen en tramitación no momento da entrada en vigor da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
9. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».
Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15 de diciembre.
Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.
No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.
Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ao respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Patiñeiro, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.5.2024, e recollida nos antecedentes de feito desta resolución:
a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Patiñeiro, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».
b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Patiñeiro.
Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
4. Condicións ambientais.
4.1. Condicións particulares.
4.2. Condicións xerais.
4.2.1. Protección da atmosfera.
4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.
4.2.4. Xestión de residuos.
4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.
4.2.6. Integración paisaxística e restauración.
4.3. Outras condicións.
5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
5.1. Aspectos xerais.
5.2. Aspectos específicos.
5.3. Informes do programa de vixilancia.
Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndenlle ao órgano substantivo o seguimento e a vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.
De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Patiñeiro, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 17,84 MW.
Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Patiñeiro, composto polo documento Parque eólico Patiñeiro, proxecto de execución. Concello de Vimianzo (A Coruña)-xuño 2024, asinado por Jorge Núñez Ares, enxeñeiro industrial, colexiado nº 1102 do ICOIIG e visado o 4.6.2024, con número 20241673.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.
Enderezo para os efectos de notificacións: avenida Arteixo, 171, 15007 (A Coruña).
Denominación proxecto: parque eólico Patiñeiro.
Concellos afectados: Vimianzo (A Coruña).
Potencia instalada: 18 MW.
Potencia autorizada/máxima evacuable: 17,84 MW.
Produción neta: 60.530 MWh/ano.
Horas equivalentes netas: 3.363 h.
Orzamento de execución material: 17.843.090 euros.
Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:
|
Vértice poligonal |
Coordenadas UTM |
|
|
(fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
a |
500.110,00 |
4.771.565,00 |
|
b |
504.525,00 |
4.771.565,00 |
|
c |
504.525,00 |
4.768.465,00 |
|
d |
500.110,00 |
4.768.465,00 |
Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:
|
Aeroxerador |
Coordenadas UTM |
|
|
(fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
PA-03 |
502.468,00 |
4.770.010,00 |
|
PA-04 |
501.909,00 |
4.770.585,00 |
|
PA-05 |
500.907,00 |
4.770.418,00 |
Coordenadas da subestación do parque eólico:
|
Subestación |
Coordenadas UTM |
|
|
(fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
ID |
502.957,00 |
4.769.856,00 |
|
Envolvente |
502.934,99 |
4.769.879,46 |
|
Envolvente |
502.979,99 |
4.769.879,41 |
|
Envolvente |
502.979,93 |
4.769.834,41 |
|
Envolvente |
502.934,93 |
4.769.834,46 |
Coordenadas da torre meteorolóxica:
|
Torre meteorolóxica |
Coordenadas UTM |
|
|
(fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
TM |
503.020,18 |
4.769.864,99 |
Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:
– 3 aeroxeradores de 6 MW de potencia unitaria, altura ata a buxa de 125 m e un diámetro de rotor de 150 m.
– 3 centros de transformación montados en góndola, de potencia unitaria de 7.000 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV e coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.
– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora do parque, composta por 1 circuíto con condutor tipo RHZ1-2OL 18/30 kV Al +H16 de sección variable.
– Rede de terras xeral de modo que as instalacións electromecánicas e subestación do parque eólico forman un conxunto equipotencial. A rede de terras dos aeroxeradores será con condutor de Cu-50 mm2, a da SET con Cu-95 mm2.
– Subestación do parque eólico de 2 niveis de tensión, 30/66 kV, onde se instalarán os correspondentes elementos de control, mando e protección, composta polos seguintes elementos principais:
• Trafo de potencia intemperie, trifásico, de baño en aceite, de potencia nominal aparente 30 MVA ONAN, relación de transformación 66/32 kV, grupo de conexión YNd11.
• Parque de 66 kV en intemperie cunha posición de liña-transformador cos equipamentos necesarios de protección e medida.
• Unha reactancia de posta á terra en 30 kV, con limitación de corrente a 500 A, 30 s.
• Parque de 30 kV en celas metálicas prefabricadas en interior do edificio.
• No edificio tamén se situará, xunto coas comunicacións e proteccións, un transformador de servizos auxiliares de tipo seco de 100 kVA e relación de transformación 30/0,42-0,242 kV.
– 1 torre meteorolóxica de medición de 125 metros.
A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras.
De acordo co punto 4.1.4 da DIA «o importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 312.254 euros, dos que 124.902 euros corresponderán á fase de obras e 187.352 euros á de desmantelamento do parque eólico.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).
4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá achegar á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.
Así mesmo, o promotor deberá comunicar a esta dirección xeral, cunha antelación mínima dun mes, a data prevista de inicio das obras.
5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.
6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.5.2024, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co punto 4 da declaración de impacto ambiental.
7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.
11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Asemade, o promotor deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
