A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 7 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Patiñeiro.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Patiñeiro, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 17,84 MW.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras.
De acordo co punto 4.1.4 da DIA «o importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 312.254 euros, dos que 124.902 euros corresponderán á fase de obras e 187.352 euros á de desmantelamento do parque eólico.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá achegar á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.
Así mesmo, o promotor deberá comunicar a esta dirección xeral, cunha antelación mínima dun mes, a data prevista de inicio das obras.
5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.
6. O promotor deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.5.2024, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
O promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co punto 4 da declaración de impacto ambiental.
7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.
11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Asemade, o promotor deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 23.9.2019, Naturgy Renovables, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Patiñeiro, cunha potencia nominal de 25 MW.
2. O 28.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude e esta presentou, o 16.7.2020, xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.
3. O 6.8.2020, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, consistente en esencia na variación da localización dos aeroxeradores proxectados.
4. O 10.11.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
5. O 15.12.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no cal indica o procedemento ambiental que se debe seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.
6. O 5.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable e, asemade, recolle os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.
7. O 26.2.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Patiñeiro á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación.
8. Mediante o Acordo do 19 de maio de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Patiñeiro, no concello de Vimianzo (A Coruña).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4.6.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 9.6.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios do concello afectado de Vimianzo e nas dependencias das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron expostas no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
No trámite de información pública, así como ao longo da tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas ao promotor para que as contestase en defensa dos seus intereses.
9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Vimianzo, EDP Renovables España, S.L.U., UFD Distribución Electricidad, S.A., Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A. (Cellnex Telecom).
A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 25.6.2021, Concello de Vimianzo o 5.7.2021, EDP Renovables España, S.L.U. o 16.6.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 11.6.2021, Retegal, S.A. o 20.6.2021 e Retevisión I, S.A. (Cellnex Telecom) o 29.6.2021.
O Concello de Vimianzo emitiu informe en que formula cuestións ou reparos de carácter urbanístico e referidas ao Plan eólico de Galicia. O promotor deu resposta a estas cuestións.
Así mesmo, Naturgy Renovables, S.L.U. prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.
10. Con data do 4.11.2021, a xefatura territorial, de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009, emitiu informe en relación coa normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.
11. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública e Concello de Vimianzo.
A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o promotor propuxo modificacións do proxecto, consistentes con carácter xeral na eliminación dos aeroxeradores PA-01 e PA-02 e substitución do modelo de aeroxerador proposto, pasando de 5 MW a 6 MW a potencia nominal unitaria e mantendo inalteradas as posicións e dimensións destes.
Cumprida a tramitación ambiental, o 8.5.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico Patiñeiro, que fixo pública mediante o Anuncio do 14 de maio de 2024 (DOG núm. 99, do 23 de maio).
12. O 15.5.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.
13. O 4.6.2024, o promotor presentou a documentación técnica refundida do proxecto do parque eólico, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.
14. O 19.6.2024, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Vimianzo, EDP Renovables España, S.L.U., UFD Distribución Electricidad, S.A., Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A. (Cellnex Telecom).
A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 15.7.2024, Concello de Vimianzo o 19.7.2024, EDP Renovables España, S.L.U. o 19.7.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 2.7.2024 e Retegal, S.A. o 25.7.2024.
O Concello de Vimianzo emitiu informe en que formula cuestións ou reparos de carácter urbanístico e referidas ao Plan eólico de Galicia, ás que o promotor deu resposta.
Así mesmo, o promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Respecto do resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.
15. O 17.7.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
16. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 17,84 MW, segundo o informe do xestor da rede do 18.6.2022. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
