DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 9 de setembro de 2024 Páx. 49902

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sendelle (expediente RE22017).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto da revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sendelle, no concello de Crecente (expediente RE22017).

O 14 de maio de 2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 7 de setembro de 2022 e co número de rexistro de entrada 2022/2216408, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Sendelle, parroquia de Santa Cruz de Sendelle (Crecente) solicita a revisión do esbozo do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz (ID 2624). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22017, no que consta a seguinte documentación:

– A revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común de Sendelle, parroquia de Santa Cruz de Sendelle, concello de Crecente. Asinado polo enxeñeiro técnico forestal colexiado número 883 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia (COETFG), asinado o 14 de febreiro de 2024.

– O certificado da secretaria coa conformidade do presidente da Comunicade de Montes Veciñais en Man Común de Sendelle (CMVMC) do 8 de abril de 2024 da aprobación en Asemblea Xeral do 1 de abril de 2023.

– A cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPGS:25829.

Revisada a memoria técnica achegada da revisión dos montes veciñais, indica:

– O límite co monte veciñal de Angudes acordouse mediante a demanda de menor contía número 125/1997, perante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ponteareas, e chegouse a un acordo mediante o Auto do 29 de xaneiro de 1998.

– O límite co monte veciñal de Freixo correspóndese ao levantamento topográfico realizado no ano 2004, apoiado en marcos existentes no monte, que coincide co recollido no expediente de clasificación e non presenta problemas de identificación no terreo.

– O límite cos propietarios particulares levouse a cabo mediante un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica no que se percorreu todo o perímetro con varios membros da Xunta Reitora da Comunidade de Montes.

Segundo. Os montes veciñais Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz foron clasificados polo Xurado de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra o 7 de decembro de 1979 cunha superficie inicial de 123 hectáreas. Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Consta un contrato de xestión coa Administración Forestal co número de elenco 3615697 e unha superficie de 53,00 hectáreas.

– A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sendelle (CMVMC) dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360098 e vixente ata o ano 2019.

– Non constan actos de disposición que modifiquen a superficie do monte.

Terceiro. A superficie e o perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 90,24 hectáreas e 7,59 km. Non se modifican os lindes consignados na Resolución de clasificación do 7 de decembro de 1979 do Xurado de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra.

A superficie proposta obtense da medición sobre a cartografía achegada con rexistro de entrada número 2024/1182391.

Cuarto. O 30 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sendelle (Crecente) (expediente RE22017), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo dos montes veciñais Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sendelle, proposta polo Servizo de Montes, queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e na memoria técnica da enxeñeira competente en materia forestal indicada no feito primeiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz clasificado a prol da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sendelle (Crecente), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 20 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra