Expediente: IN407A 2023/461-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: regulamentación de centro de transformación Pega-15CS22.
Concello: Cambre.
Feitos:
1. O día 20 de outubro de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, coa finalidade da adecuación do centro de transformación e a substitución da aparellaxe actual en mal estado por obsolescencia da instalación, ao esgotar a súa vida útil.
Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, e que abrangue os seguintes documentos:
Proxecto de execución nomeado Regulamentación de centro de transformación Pega-15CS22, asinado con data do 29 de setembro de 2023, por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con número colexial 2.980 de Vigo.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte na que a instalación puidera prexudicar a bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica corrrespondente. Solicitóuselles o preceptivo informe á Deputación da Coruña e o Concello de Cambre. A día desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos afectados á solicitude do condicionado.
4. Con data do 16.8.2024 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
• As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse na estrada Cambre-Temple, no concello de Cambre.
• Instalación dun centro de transformación compacto sen envolvente telecontrolado GSM/GPRS/FO 2L+1P de 400 kVA/15 kV no interior do edificio da caseta actual. Proxéctase a instalación de telecontrol na cela de saída que se vai instalar. Adecuación da obra civil interior para instalación do novo transformador.
• Substitúese o paso aerosubterráneo actual e proxectase un tramo de liña de media tensión subterránea en condutor RHZ1 12/20 kV 3(1x150) mm² Al ata o CT Pega (15CS22), cunha lonxitude de 21 metros.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 19 de agosto de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
