DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 12 de setembro de 2024 Páx. 50401

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifica a Resolución do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen criterios para a cobertura de postos de traballo mediante comisión de servizos no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, no seu artigo 527.1, establece a posibilidade da provisión temporal de postos vacantes, en canto se resolven os sistemas de provisión en curso, ou cando, resoltos, non se cubrisen por non existir candidato/a idóneo/a, dispoñendo que poderán ser provistos por persoal funcionario que reúna os requisitos exixidos para o seu desempeño mediante o outorgamento dunha comisión de servizos, que poderá ter carácter voluntario ou forzoso.

Pola súa parte, o Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, ditado en desenvolvemento do previsto na Lei orgánica do poder xudicial, regula no seu artigo 73 as comisións de servizo e indica que a posibilidade de provisión por este sistema non obsta para que a Administración considere que a praza en cuestión deba ser cuberta por persoal funcionario interino, e así o prevé o artigo 30 deste texto legal.

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1995, o persoal funcionario dos corpos de médicos forenses e mais dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependen organicamente da Comunidade Autónoma. Esta competencia instruméntase a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte, á cal lle corresponden competencias nesta materia, segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Dentro deste marco legal, ditouse a Resolución do 21 de marzo de 2022 (DOG núm. 59, do 25 de marzo) na cal se precisan os criterios para a provisión temporal de postos de traballo mediante o outorgamento de comisión de servizos nas oficinas xudiciais, fiscais e servizos da Administración de xustiza en Galicia. Con posterioridade é necesario precisar algunha situación que non estaba prevista na Resolución do 21 de marzo de 2022.

Polo anteriormente exposto e oídas as organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 21 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen criterios para a cobertura de postos de traballo mediante comisión de servizos no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia

A Resolución do 21 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen criterios para a cobertura de postos de traballo mediante comisión de servizos no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia modifícase nos seguintes termos:

Primeiro. O número 3 do artigo 1 queda redactado do seguinte xeito:

«3. Quedan fóra do ámbito desta resolución as persoas que estean en adscrición provisional, excepto o suposto recollido na letra b) do artigo 68 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia».

Segundo. O número 1 do artigo 4 queda redactado do seguinte xeito:

«1. Na convocatoria de cobertura temporal de postos de traballo mediante comisión de servizos poderá participar o persoal funcionario de carreira con destino definitivo en calquera ámbito territorial e que estea en servizo activo no mesmo corpo do posto que se pretende prover. Tamén poderá participar o persoal funcionario de carreira que non teña destino definitivo por atoparse na situación do artigo 68.b) do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza