DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 13 de setembro de 2024 Páx. 50536

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 10 de setembro de 2024 pola que se amplía o prazo de vixencia da lista de agarda disposto na Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN519B).

O día 19 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN519B).

No artigo 15.2 das bases, a orde de referencia establece que para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha lista de agarda para seren atendidos, ben con crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben con posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións, dispoñendo que non se concederán axudas posteriormente ao 15 de setembro de 2024, data en que a lista de agarda perderá os seus efectos.

Tendo en conta a posibilidade de que se incorpore novo crédito destinado a esta subvención e a prol do interese xeral, e sen que isto supoña un prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de vixencia da lista de agarda previsto no artigo 15.2 das bases reguladoras, de acordo co artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO

Artigo único. Ampliación do prazo de vixencia da lista de agarda

Modifícase o artigo 15.2 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobadas pola Orde do 4 de xaneiro de 2024, no referente ao prazo de vixencia da lista de agarda que se amplía ata o día 30 de setembro de 2024 (inclusive), prazo ata o que se poderán conceder axudas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria