Mediante a Resolución do 5 de marzo de 2024 (DOG núm. 52, do 13 de marzo), a Secretaría Xeral da Lingua convocou as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, que tiveron lugar en maio e xuño deste ano. Co fin de seguir atendendo a demanda cidadá neste ámbito, considérase necesario efectuar unha segunda convocatoria destas probas en 2024.
Xa que logo, de acordo co previsto no artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 146, do 30 de xullo), logo da proposta formulada pola Comisión Central de Avaliación, convócanse as probas para a obtención dos certificados de coñecemento da lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.
Por todo iso,
RESOLVO:
1. Obxecto.
Realizar a segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2, 3 e 4, no ano 2024, con código de procedemento administrativo PL500C.
2. Persoas destinatarias.
As persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.
3. Datas de realización das probas.
As probas dos distintos niveis Celga terán lugar na segunda quincena de novembro de 2024, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal).
4. Localidades onde se van realizar as probas e niveis.
As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.
Localidade |
Nivel |
||
Santiago de Compostela |
Celga 2 |
Celga 3 |
Celga 4 |
Ponferrada |
Celga 2 |
Celga 3 |
Celga 4 |
As sedes e os horarios para a realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal) xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.
5. Presentación de solicitudes e prazo.
5.1. As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, que se publica como anexo I, e aboar a taxa correspondente. No formulario de solicitude deberán indicar a proba ou as probas ás cales solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral da Lingua.
5.2. As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 % que as imposibilite para acreditar algunha das destrezas comunicativas (comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita, expresión escrita) poderán solicitar, motivadamente, a exención da realización da proba ou probas referidas a esas destrezas.
De necesitar algún tipo de axuda para a realización das probas por mor dunha discapacidade, a persoa indicará na súa solicitude o apoio concreto que precisa (lectura fácil –para persoas con discapacidade intelectual–, máis tempo, maior tamaño de letra...).
En todo caso, a Secretaría Xeral da Lingua valorará se a discapacidade alegada dá lugar á exención e/ou ao apoio solicitados.
5.3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5.4. O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
6. Documentación complementaria.
6.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Xustificante de pagamento da taxa (código 304401), salvo que este se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente.
De acordo coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, logo da xustificación documental, estarán exentas do pagamento desta taxa.
b) Copia do certificado de discapacidade expedido por unha Administración distinta da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
6.2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. Comprobación de datos.
7.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
– Certificado de discapacidade expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
7.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
7.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
8. Taxas de exame.
8.1. Ademais de presentar a súa solicitude, as persoas que desexen participar nas probas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega deberán aboar a taxa correspondente. De acordo coa Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o tipo da taxa para a inscrición nas probas non experimentará ningunha actualización respecto á contía exixible no momento da entrada en vigor da dita lei, de modo que continúa a ser de 16,92 euros para cada un dos niveis.
8.2. O pagamento da taxa poderá realizarse de forma telemática ou presencial.
O pagamento telemático poderá efectuarse a través da sede electrónica, como un paso máis habilitado dentro do procedemento, caso no que o xustificante xa se xera automaticamente. Outra posibilidade é acceder directamente á Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.atriga.gal/), pagar mediante tarxeta ou cargo na conta e achegar o xustificante.
Para realizar o pagamento de forma presencial, descargarase un modelo en branco da Oficina Virtual Tributaria para cubrir á man ou imprimirase xa cuberto grazas á aplicación e, posteriormente, presentarase nunha entidade financeira colaboradora. Así mesmo, este modelo tamén se poderá solicitar nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia. Finalmente, achegarase o xustificante de pagamento.
Os códigos correspondentes á taxa son:
Consellería: Cultura, Lingua e Xuventude. Código: 10.
Delegación: Servizos Centrais. Código: 13.
Servizo: Secretaría Xeral da Lingua. Código: 09.
Denominación taxa: inscrición nas probas homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais a acreditación do nivel correspondente, de ser o caso. Código: 304401.
8.3. Non se admitirá o aboamento das taxas fóra do prazo de presentación de solicitudes indicado nesta convocatoria.
8.4. O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselle, logo da solicitude correspondente, a quen figure na listaxe definitiva de persoas excluídas. Para solicitar a devolución das taxas, disporase dun prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal).
9. Procedemento para a admisión de aspirantes.
9.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, o secretario xeral da Lingua aprobará as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade, a través dunha resolución que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal).
As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da dita resolución na web da Secretaría Xeral da Lingua, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.
En todo caso, as persoas que presenten emendas enviaranlle un correo electrónico á Secretaría Xeral da Lingua, á conta sxpl.probascelga@xunta.gal, en que indicarán o día en que presentaron a emenda e o contido desta.
9.2. Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o secretario xeral da Lingua ditará unha nova resolución pola que se aprobará a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal).
10. Publicación dos resultados das probas.
Os resultados provisionais das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal), no prazo máximo de dous meses desde a súa realización, salvo que se acorde a súa ampliación.
Os resultados definitivos das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal), no prazo máximo de catro meses desde a súa realización, salvo que se acorde a súa ampliación.
11. Procedementos de reclamación ou de revisión das probas.
11.1. No momento da realización das probas, as persoas aspirantes poderán solicitar a aclaración das dúbidas que lles poidan xurdir en relación co exame e, de ser o caso, presentar ante o presidente ou presidenta da comisión sectorial a reclamación que consideren oportuna. No prazo de tres días, a comisión sectorial que recibiu a reclamación enviaralla á Comisión Central de Avaliación, xunto cun informe sobre o seu contido. A Comisión Central de Avaliación resolverá o que considere oportuno e comunicarallo á persoa interesada ao enderezo e polo medio que designase para os efectos de notificacións e, pola súa parte, á comisión sectorial correspondente.
11.2. Tras publicarse os resultados provisionais, as persoas interesadas, mediante un escrito dirixido á Secretaría Xeral da Lingua ou á conta sxpl.probascelga@xunta.gal, poderán solicitar, no prazo de dez días, a revisión das probas por parte da Comisión Central de Avaliación, que adoptará a resolución que corresponda e comunicaralles os criterios que determinaron a cualificación obtida.
11.3. Tras publicarse os resultados definitivos, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
12. Desenvolvemento das probas.
12.1. As persoas interesadas presentaranse o día de realización das probas na sede e á hora que se publiquen na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal) xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas, e irán provistas do documento que acredite a súa personalidade (DNI, NIE ou pasaporte) e mais dun bolígrafo. Non se admitirá ningún tipo de material de apoio.
12.2. A duración das probas é a seguinte:
– Probas do Celga 2: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e a proba oral terá unha duración máxima de 10 minutos.
– Probas do Celga 3: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e media e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos.
– Probas do Celga 4: a proba escrita terá unha duración de tres horas e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos.
12.3. A proba oral correspondente a cada nivel Celga realizarase o mesmo día que a proba escrita, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. Unha vez que remate a proba escrita, publicaranse, na sede correspondente e mais na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal), os chamamentos para a proba oral, en que se indicará a hora en que cada persoa deberá estar presente para realizala.
A proba oral será gravada como garantía do proceso.
12.4. O chamamento tanto para a proba escrita como para a proba oral será único. Quen non se presente cando este se efectúe perderá o dereito á realización da proba.
De acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo), os chamamentos comezarán polas persoas cuxo primeiro apelido empece pola letra «H».
13. Probas de exames especiais.
Tal e como se establece na disposición adicional cuarta da Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), considéranse probas de exames especiais as destinadas a todas aquelas persoas ás cales non lles é posible realizar as probas para a obtención do diploma acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galega (Celga) nas condicións xerais estipuladas pola Administración. Todas as probas realizadas baixo condicións especiais serán cualificadas cos mesmos criterios de avaliación empregados para as demais persoas.
Se a persoa supera o resto das probas de que consta o exame, no diploma acreditativo que se lle expida farase constar que quedou exenta de satisfacer algún dos obxectivos de avaliación do exame, segundo corresponda.
14. Expedición e rexistro dos certificados.
A Secretaría Xeral da Lingua expediralles os certificados ás persoas que superen as probas.
Os certificados constarán nun rexistro oficial en que figurarán os seguintes datos: nome e apelidos, número de DNI, NIE ou pasaporte, lugar, data e resultados das probas e identificación alfanumérica dos certificados. A solicitude para participar nas probas comporta a autorización para o tratamento telemático dos citados datos para este fin.
15. Notificacións.
15.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
15.2. A persoa interesada deberá manifestar, expresamente, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
15.3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
15.4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
15.5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
15.6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
16. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
17. Recursos contra a resolución de convocatoria das probas.
Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, todas as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
18. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.
De non se ditar resolución expresa sobre as solicitudes presentadas no prazo de tres meses, que se contará desde a data de peche do prazo de presentación de solicitudes previsto na convocatoria, as solicitudes entenderanse desestimadas.
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2024
Valentín García Gómez
Secretario xeral da Lingua