Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Padriño, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:
Feitos:
1. O 31 de xaneiro de 2024, María Jesús Trasancos Martínez, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Padriño foi constituída mediante escritura pública outorgada en Oleiros (A Coruña) o 27 de decembro de 2023, ante o notario Rafael Benzo Sainz, co número de protocolo 3.594.
3. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
4. A dotación inicial da Fundación é de trinta mil euros (30.000 €), parcialmente desembolsada na suma de quince mil euros (15.000 €) depositados nunha conta bancaria aberta a nome da Fundación.
5. A Fundación, consonte o artigo 3 dos seus estatutos, ten por obxecto: «A integración social e laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social mediante a promoción de actividades empresariais que permitan a inserción sociolaboral das ditas persoas».
6. O padroado inicial da Fundación está formado por María Carmen López Ruiz, coma presidenta; Andrés Antonio Sexto Presas, coma secretario, e Javier González López, Carmen Touza Touriño, Dionisio Beltrán Parapar, José Antonio Fernández Martínez, Luciano Rodríguez Gorgoso e María Jesús Trasancos Martínez, como vogais.
7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese laboral con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
8. Mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 11 de xuño de 2024 (DOG núm. 121, do 24 de xuño), pola que se clasifica de interese laboral a Fundación Padriño, adscribiuse a dita fundación ao protectorado da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese Galego, en relación co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio), correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Padriño, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como nos decretos 14/2009 e 15/2009, do 21 de xaneiro, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Padriño, polo que á vista do informe de idoneidade emitido pola Vicesecretaría Xeral,
RESOLVO:
1. Declarar de interese galego a Fundación Padriño.
2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, o Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente os deberes de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024
Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Emprego,
Comercio e Emigración
