Expediente: IN407A 2023/160-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Proxecto: LMTS, CT, RBT Ézaro.
Concello: Dumbría.
Feitos:
1. O día 23.3.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de mellorar a calidade da subministración eléctrica no lugar do Ézaro, concello de Dumbría, proxéctase instalar dous novos centros de transformación de 630 kVA e 100 kVA de potencia (o primeiro en substitución do CT Ézaro, 15XB62, expediente 2.861), alimentados pola liña de distribución de media tensión LMT POT804, procedente da subestación Pontella, e unha nova liña soterrada de media tensión que os interconectará, así como as saídas en baixa tensión correspondentes para reforzar a rede de baixa tensión existente.
Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto de execución denominado LMTS, CT, RBT Ézaro, asinado o día 15.2.2023 por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro tecnico industrial eléctrico, con número de colexiado 2.980 de Vigo, así como a relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo do 22.6.2023, publicado nos seguintes medios:
• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
• DOG do 13.7.2023.
• BOP do 28.6.2023.
• Xornal La Voz de Galicia do 4.7.2023.
• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 16.11.2023.
3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública, Juan Manuel Leis Mayán achegou unha alegación. Logo de ser trasladada á empresa promotora, esta respondeu na defensa dos seus intereses.
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Dumbría, Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Servizo de Urbanismo da Coruña e Servizo do Patrimonio Cultural da Coruña. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
5. O día 10.5.2024 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
2. Lexislación de aplicación:
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE nº 236, do 2 de outubro).
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE nº 236, do 2 de outubro).
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE nº 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE nº 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE nº 68, do 19 de marzo).
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE nº 139, do 9 de xuño).
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE nº 224, do 18 de setembro).
• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE nº 246, do 14 de outubro).
• Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa (BOE nº 351, do 17 de decembro).
• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE nº 160, do 20 de xuño).
3. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar do Ézaro, concello de Dumbría, e as súas características técnicas son as seguintes:
– LMTS a 20 kV, de 524 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, con orixe no novo CT Ézaro proxectado [CT_1], que substituirá o CT Ézaro (15XB62, expediente 2.861) existente, e remate no CTC proxectado [CT_2], ambos alimentados pola LMT POT804, procedente da subestación Pontella. O condutor discorrerá entubado por canalización baixo calzada e beirarrúa, e será necesaria a instalación dun PAR.
– [CT_1] Novo CT Ézaro compacto prefabricado, cunha potencia de 630 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 2L+1P. Desmantelamento do CT Ézaro (15XB62, expediente 2.861) en envolvente de obra civil existente.
– [CT_2] CT compacto prefabricado tipo rural, cunha potencia de 100 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 1L+1P.
4. Respecto da alegación formulada por Juan Manuel Leis Mayán en relación coa parcela con referencia catastral 9807201MH8590N0000DB (predio número 1), o alegante indica o seguinte:
• O alegante non é o titular da dita parcela nin ten a representación da entidade propietaria.
• A parcela rústica identificada na publicación non coincide coa parcela (urbana) que se identifica no IBI que debería corresponder con ela, xa que a zona en que se reflicte no plano o posible transformador claramente é a fronte da parcela e por lóxica, aínda que o descoñece, sería a súa zona urbana.
• Total inadecuación da formulación e localización da instalación, que debe reformularse, con grave prexuízo para a parcela afectada do transformador de referencia.
• A localización debe realizarse nun lugar tecnicamente axeitado, pero causando os menores inconvenientes e menoscabo dos terreos afectados. A situación elixida é a máis inadecuada, tanto pola gran perda de valor que se lle da á parcela, como polo impacto ambiental nunha zona protexida por Rede Natura, como polo impacto visual nunha zona de primeira liña de praia e zona de costa, nunha zona alta visible desde calquera lugar da estrada e desde a praia.
• Neste caso, é evidente que non se respectan tales requisitos e que, en todo caso, debe replanearse a situación da instalación.
5. O 1.9.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. respondeu ás alegacións de Juan Manuel Leis Mayán:
– Por unha banda, corrixe os erros detectados: a titularidade do predio número 1 pasa a figurar a favor de Promociones Elia XXI, S.L.; a parcela afectada, identificada co número 1 no proxecto, ten como referencias catastrais a 9807201MH8590N0000DB e a 9807201MH8590N0001FZ, xa que nos datos catastrais figura como parcela con dous tipos de solo, urbano e rústico.
– Por outra banda, indica que a propiedade non acreditou, na súa solicitude de modificación do trazado no predio número 1, o cumprimento de todas as condicións establecidas no Real decreto 1955/2000 e que a localización das instalacións se proxectou de acordo co establecido no número 1.5.1 da ITC-LAT 07 (Real decreto 223/2008).
6. Á vista da alegación presentada, da resposta da empresa distribuidora e do resto de documentación do expediente, corríxense os datos do predio e conclúese que non procede atender a solicitude do alegante no relativo á improcedencia da localización das instalacións proxectadas, xa que non acredita a pretendida non idoneidade do proxecto, que foi redactado conforme o establecido no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas de alta tensión; en concreto, segundo o disposto no número 1.5.1 da instrución técnica complementaria ITC-LAT 07, que literalmente di: «as liñas eléctricas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen». Tampouco acredita que se dean os requisitos que xustifiquen unha prohibición ou limitación á servidume, ao abeiro do artigo 61 do Real decreto 1955/2000.
En canto aos posibles prexuízos para a parcela afectada, estes deberán ser convenientemente indemnizados pola empresa promotora, xa sexa mediante mutuo acordo ou ben mediante o correspondente prezo xusto.
7. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta dirección territorial.
Consonte con todo o sinalado,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta dirección territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e o ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.
A Coruña, 21 de agosto de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados no termo municipal de Dumbría
LMTS, CT e RBT Ézaro.
|
Parcela do proxecto |
Propietario/titular |
Referencias catastrais |
Lugar |
Afección pleno dominio (LMT, CT e/ou apoios) |
Natureza |
|
|
CT |
Superficie (m2) |
|||||
|
1 |
Promociones Elia XXI, S.L. |
9807201MH8590N0000DB 9807201MH8590N0001FZ |
Lugar do Ézaro |
CT e acceso |
52,52 |
Rústico. Agrario. Urbano |
