Mediante a Resolución do 1 de decembro de 2022 convocáronse os procesos selectivos de acceso libre e promoción interna polo sistema de concurso para a estabilización do emprego temporal e concurso-oposición para o ingreso en diferentes escalas e subescalas de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS).
Ao existiren postos de traballo vacantes dotados orzamentariamente das subescalas de I+D (técnicos/as superiores), informática (técnicos/as especialistas), química (técnicos/as especialistas), biblioteca (técnicos/as especialistas), conserxaría (técnicos/as especialistas e auxiliares técnicos) e deportes (auxiliares técnicos) na vixente relación de postos de traballo do PTXAS funcionario desta universidade, parte dos cales foron incluídos nos procesos selectivos indicados, e coa finalidade de que antes da súa resolución o persoal funcionario de carreira poida optar á cobertura destas prazas, de cara a fomentar a mobilidade e a carreira profesional, a Xerencia acordou coa representación do PTXAS prover estas prazas mediante un concurso de méritos restrinxido.
Deste xeito, esta reitoría, en uso das atribucións conferidas pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e polos estatutos da Universidade de Vigo, resolveu convocar concurso de méritos para a provisión dos postos de traballo vacantes, que se desenvolverá con suxeición ás seguintes
Bases da convocatoria
Primeira. Normas xerais
1. Ademais de polo establecido nestas bases, a esta convocatoria resultaranlle de aplicación a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Estatuto básico do empregado público; a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, e os estatutos da Universidade de Vigo.
2. Os actos do proceso selectivo publicaranse no taboleiro oficial da Universidade de Vigo https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml. A data de efectos será o día seguinte ao da publicación.
Con carácter meramente informativo, tamén se publicarán na seguinte páxina:
https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/tipo/convocatorias-pas
As consultas en relación co proceso poden realizarse a través do correo electrónico: consultapas@uvigo.gal e do teléfono: 986 81 37 62.
Segunda. Postos convocados
Convócanse postos das seguintes escalas e subescalas:
|
Escala |
Subescala |
|
Técnica superior de apoio á docencia e investigación |
I+D |
|
Técnica especialista de tecnoloxías da información e comunicacións |
Informática |
|
Técnica especialista de apoio á docencia e á investigación |
Química |
|
Técnica especialista de biblioteca |
Biblioteca |
|
Técnica especialista de servizos xerais |
Conserxaría |
|
Auxiliar técnica de servizos xerais |
Deportes |
|
Auxiliar técnica de servizos xerais |
Conserxaría |
A relación cos postos publicarase no taboleiro electrónico da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml).
Terceira. Requisitos e condicións de participación
1. As persoas concursantes deberán posuír na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter durante todo o proceso selectivo os seguintes requisitos:
a) Ter a condición de persoal funcionario de carreira técnico, de xestión e de administración e servizos destinado na Universidade de Vigo, calquera que sexa a súa situación administrativa, agás a de suspenso en firme, e acreditar dous anos de servizos prestados no destino definitivo. Dado que os destinatarios deste concurso adquiriron esta condición tras superar unha convocatoria especifica de funcionarización, para acreditar o período de dous anos, e con carácter excepcional, tamén se computarán os servizos prestados como persoal laboral fixo na categoría desde a cal se funcionarizaron.
b) Estar encadrado na escala, subescala e subgrupo do/dos posto/s convocados.
c) Quen se encontre na situación de excedencia voluntaria por interese particular (nos termos establecidos no artigo 173 da LEPG), agrupación familiar, coidado de familiares ou por razón de violencia de xénero deberá xuntarlle á súa solicitude unha declaración de non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública nin estar inhabilitado/a para o exercicio de emprego público.
d) Se cumpre os requisitos anteriores, tamén poderá participar o persoal funcionario daquelas administracións coas cales a Universidade de Vigo asinase un convenio de reciprocidade.
2. Quen se encontre en adscrición provisional ten a obriga de concursar e deberá solicitar todos os postos situados na mesma localidade ou en localidades que, de acordo co disposto no artigo 97.5 e a disposición transitoria quinta da LEPG, se encontren a unha distancia de 30 quilómetros en relación coa localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou da localidade do posto ao cal está adscrito/a provisionalmente, elección que deberá manifestar expresamente na solicitude de elección de postos de traballo a que se refire a base cuarta. O incumprimento destas obrigas determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular (artigo 97 da LEPG). Para estes efectos, tomarase como data de referencia a da situación da persoa concursante no día da publicación da convocatoria de concurso de méritos no Diario Oficial de Galicia.
Ao persoal funcionario de carreira que, cumprindo a obriga establecida no artigo 97.5 da LEPG, non obteña praza no concurso, seralle adxudicado pola Xerencia da Universidade de Vigo, de oficio e con carácter definitivo, un posto de traballo correspondente ao seu corpo ou escala de entre aqueles que quedaran vacantes. Esta adxudicación realizarase seguindo os criterios contidos no parágrafo anterior.
Cuarta. Solicitude e documentación
1. As solicitudes tramitaranse de acordo coas instrucións que figuran no anexo I. Unicamente se admitirán os formularios de solicitude que se xeren por vía telemática tras introducir os postos seleccionados e que se presenten no prazo de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). As solicitudes presentaranse preferentemente a través da sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/catalog/catalog-index.xhtml) ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo, ou consonte o previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Os datos relativos ás circunstancias persoais e administrativas do persoal concursante, así como os concernentes aos méritos que aduzan, deberán posuírse e estar referidos á data de publicación no DOG da convocatoria e acreditaranse documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes exclusivamente. A Comisión de Valoración poderá requirir o contraste coa documentación orixinal ou compulsada.
3. Os méritos enumerados nas epígrafes A.1, B.1 e D acreditaranse mediante certificación expedida de oficio pola Universidade de Vigo e consonte a documentación que conste no expediente persoal do/da solicitante; o certificado remitiráselles simultaneamente á Comisión de Valoración e ás persoas interesadas.
A valoración dos restantes méritos efectuarase exclusivamente sobre a documentación acreditativa achegada por cada concursante.
4. Quen pertenza a dúas ou máis escalas do mesmo ou distinto grupo/subgrupo só poderá participar no concurso desde unha delas; así mesmo, só esta será a que se tome en consideración para os efectos de requisitos e valoración de méritos.
5. No caso de que lles fose adxudicado algún dos postos solicitados, as persoas funcionarias con algunha discapacidade poderán instar a adaptación sempre que non supoña unha modificación exorbitante no contexto da organización; a Comisión de Valoración poderá reclamarlles que xustifiquen suficientemente a dita adaptación.
6. Cando dúas persoas concursantes cónxuxes ou parella de feito estean interesadas en obter destino nun mesmo concello, poden condicionar os seus pedimentos na solicitude por razóns de convivencia familiar ao feito de que ambos os dous os obteñan; no caso contrario, entenderase anulado o pedimento efectuado por cada un deles. Deberán xuntarlle á súa solicitude copia do pedimento do/da cónxuxe e o documento oficial xustificativo da convivencia familiar.
7. No suposto de que sexan varios os postos de traballo que se soliciten, a preferencia virá establecida pola orde indicada na solicitude de participación, na cal se poderá incluír a opción por postos que poidan resultar vacantes como consecuencia da resolución do concurso.
8. As solicitudes serán vinculantes para a persoa peticionaria e non se admitirán renuncias unha vez transcorrido o prazo de presentación de instancias de participación.
9. Logo de transcorrer o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará unha resolución, que se publicará no taboleiro electrónico sinalado na base segunda, na cal se declarará aprobada a relación provisional de concursantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaron a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da dita publicación. Esta resolución tamén se publicará, con efectos unicamente informativos, no seguinte enderezo electrónico: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/tipo/convocatorias-pas
10. As persoas concursantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión xustificando o seu dereito a seren incluídas serán definitivamente excluídas do concurso na resolución reitoral pola cal se declare aprobada a relación definitiva de concursantes admitidos e excluídos, que se publicará nos lugares citados.
Quinta. Comisión de Valoración
1. A avaliación dos méritos será efectuada por unha comisión de valoración integrada por cinco membros, todos eles con voz e voto, que terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón do servizo:
Comisión titular:
Presidente: Gerardo Marraud González, funcionario da escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo.
Vogais:
José Benito Rodríguez González, funcionario da escala técnica superior de apoio á docencia e investigación da Universidade de Vigo.
Alfonso Caride Losada, funcionario da escala técnica superior de servizos xerais da Universidade de Vigo.
Alicia López Pedreira, funcionaria da escala técnica superior de servizos xerais da Universidade de Vigo.
Secretaria: Eva Garea Oya, funcionaria da escala técnica superior de apoio á docencia e investigación da Universidade de Vigo.
Comisión suplente:
Presidenta: Carmen del Rosario Serra Rodríguez, funcionaria da escala técnica superior de apoio á docencia e investigación da Universidade de Vigo.
Vogais:
Estefanía Carolina López Silva, funcionaria da escala técnica superior de apoio á docencia e investigación da Universidade de Vigo.
Xabier Rial Boubeta, funcionario da escala técnica superior de servizos xerais da Universidade de Vigo.
Carmen Álvarez González, funcionaria da escala técnica superior de servizos xerais da Universidade de Vigo.
Secretaria: Raquel Gandón Chapela, funcionaria da escala técnica superior de apoio á docencia e investigación da Universidade de Vigo.
2. A Comisión adoptará os seus acordos consonte o establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as para aquelas tarefas que o requiran, que serán nomeados/as polo reitor.
3. Ademais da avaliación das persoas aspirantes, correspóndelle a interpretación destas bases e a resolución das incidencias que se presenten no desenvolvemento do procedemento, e poderá solicitar do persoal concursante as aclaracións, comprobacións e a documentación adicional que xulgue necesarias.
Sexta. Valoración de méritos
A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase tomando como referencia a data de publicación da convocatoria no DOG e considerarase que os meses están constituídos por 30 días. Aplicarase o seguinte baremo:
A. Antigüidade: valorarase ata un máximo de 39 puntos. Para estes efectos, computaranse os períodos en situación de excedencia por coidado de familiar (artigo 44 do Real decreto 364/1995). Non se computarán os servizos que se prestaran simultaneamente con outros igualmente alegados. Os servizos prestados na Universidade de Vigo certificaranse de oficio; os restantes servizos acreditaranse mediante certificación oficial en que consten a denominación, o corpo/escala ou categoría e os períodos traballados.
1. Servizos prestados na Universidade de Vigo como PTXAS na condición de persoal funcionario de carreira, laboral fixo, funcionario interino ou laboral con contrato temporal: valorarase a razón de 0,0833 puntos por mes completo traballado.
2. Servizos prestados noutras universidades públicas galegas como PTXAS na condición de persoal funcionario de carreira, laboral fixo, funcionario interino ou laboral con contrato temporal: valorarase a razón de 0,0417 puntos por mes completo traballado.
3. Servizos prestados noutras administracións públicas como persoal funcionario de carreira, laboral fixo, funcionario interino ou laboral con contrato temporal: valorarase a razón de 0,0209 puntos por mes completo traballado.
B. Traballo desenvolvido. Valorarase ata un máximo de 39 puntos, consonte os seguintes criterios:
1. 0,0833 puntos por mes ou fracción de servizos prestados en destino definitivo na Universidade de Vigo.
– Na mesma escala e subescala, coa condición de persoal funcionario de carreira.
– Na categoría desde a cal accedeu á condición de persoal funcionario, da mesma escala e subescala nas convocatorias de funcionarización.
2. 0,0417 por mes ou fracción na mesma escala e subescala nas universidades públicas de Galicia.
3. 0,0209 puntos por mes ou fracción na mesma escala e subescala noutras administracións públicas.
Aplicando os anteriores criterios, computaranse como servizos prestados:
– Os períodos en situación de excedencia por coidado de familiar.
– Os servizos prestados como persoal laboral fixo e destino definitivo nas categorías de auxiliar de servizos, auxiliares técnicos de biblioteca e conserxes con anterioridade ao 16 de marzo de 2001, que, por mor dos procesos de transformación, se integraron nas categorías de auxiliares técnicos de servizos xerais, técnicos especialistas de biblioteca e técnicos especialistas de servizos xerais, respectivamente.
– Os servizos prestados como persoal laboral fixo na Universidade de Vigo en adscrición provisional.
C. Formación. Valorarase ata un máximo de 10 puntos.
C.1. Grao de coñecemento do idioma galego: cualificarase ata un máximo de 8 puntos, consonte a Orde do 16 de xullo de 2007.
• Celga 5 ou equivalente: 8 puntos.
• Celga 4 ou equivalente: 7 puntos.
• Celga 3 ou curso de iniciación: 6 puntos.
Cursos de lingua galega. No caso de acreditar varios cursos de lingua galega, só se terá en conta o de nivel superior.
– Galego oral ou de redacción de textos en galego: 0,5 puntos por curso.
– Linguaxe administrativa ou linguaxes especializadas (científica, técnica, etc.): 0,5 puntos por curso.
– Complementario de lingua galega: 0,5 puntos por curso.
C.2. Cursos de formación: cualificarase ata un máximo de 2 puntos a formación recibida relacionada coa subescala da praza. Os cursos de duración menor de 30 horas recibirán 0,0013 puntos por hora recibida.
|
Cursos |
Puntos |
|
De 30 horas a 99 horas |
0,33 |
|
De 100 horas a 249 horas |
0,67 |
|
De 250 horas a 499 horas |
1,00 |
|
Igual ou superior a 500 horas |
1,33 |
Na cualificación dos cursos de formación seguiranse os seguintes criterios:
– Valoraranse os cursos organizados pola Universidade de Vigo, EGAP, INAP, centros oficiais de calquera Administración pública, colexios oficiais regulados pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, cámaras de comercio, así como os homologados pola EGAP e os impartidos por organizacións sindicais e empresariais, que estean suficientemente acreditados dentro dos programas de formación continua. Igualmente, para o persoal de bibliotecas valoraranse os cursos específicos organizados por entidades profesionais, membros da Federación Española de Sociedades de Arquivística, Biblioteconomía, Documentación e Museística, ou aqueloutros impartidos por centros oficiais e institucións de recoñecido prestixio.
– Non se valorarán cursos académicos completos nin por materias de forma illada.
– No caso de acreditar varios cursos sobre a mesma materia, só se terá en conta o de nivel superior e, de ser do mesmo nivel, o de maior duración. De se acreditar máis dun grao de coñecemento dun idioma (agás o galego, que se recolle no punto anterior do baremo), só se computará o superior.
– Terán carácter xeral (ademais dos que determine a Comisión) os cursos de idiomas (agás os de galego, que se recollen no punto anterior do baremo), informática, procedemento administrativo, atención ao público, protocolo e similares.
– Terán carácter específico os cursos que a Comisión considere que están directamente relacionados coas actividades que se van desempeñar na área á cal pertenza o posto solicitado.
– Non serán obxecto de valoración os cursos preparatorios ou integrantes de procesos selectivos organizados por calquera Administración.
D. Grao persoal consolidado. Valorarase ata un máximo de 10 puntos.
|
Grao |
Puntos |
|
28 |
10 |
|
27 |
9,5 |
|
26 |
9 |
|
25 |
8,5 |
|
24 |
8 |
|
23 |
7,5 |
|
22 |
7 |
|
21 |
6,5 |
|
20 |
6 |
|
19 |
5,5 |
|
18 |
5 |
|
Menor de 18 |
3 |
E. Medidas de conciliación e igualdade de xénero. Valorarase ata un máximo de 2 puntos. Cando se solicite un posto cunha quenda distinta ou nun campus distinto ao do posto definitivo da persoa concursante, agás que sexa de adscrición provisional, outorgarase a seguinte puntuación:
1. 1,5 puntos polo destino previo do cónxuxe ou parella de feito rexistrada oficialmente, cando este:
a) Manteña unha relación de servizos cunha Administración pública na localidade do posto solicitado; deberá acreditarse mediante certificación válida da correspondente Administración.
b) Manteña unha relación laboral cunha empresa privada e o seu posto de traballo radique na localidade do posto solicitado; deberá acreditarse mediante contrato de traballo e informe de vida laboral.
c) Realice actividades de carácter profesional na localidade do posto solicitado; deberá acreditarse mediante acreditación da alta na Seguridade Social e modelo 130 (estimación directa) ou 131 (pagamento fraccionado), ou na mutualidade correspondente.
2. Ata 1,5 puntos por ter menores ao seu cargo e segundo a súa idade:
a) 0 a 3 anos: 1,5 puntos.
b) 4 a 12 anos: 1 punto.
3. Polo coidado dun familiar, ata o segundo grao incluído de consanguinidade ou afinidade, sempre que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade se determine que non se pode valer por si mesmo/a e non desempeñe actividade retribuída, requirirá acreditar mediante resolución oficial de dependencia e certificado de empadroamento que o posto que se solicita permite unha mellor atención do familiar: 1,5 puntos.
Sétima. Resolución do concurso
1. Esta convocatoria será resolta no prazo máximo de seis meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.
2. Os postos adxudicaranse ás persoas que obteñan a maior puntuación segundo o baremo; en caso de igualdade na puntuación total, dirimirase a prol de quen obteña maior puntuación segundo a seguinte orde de méritos: epígrafe B.1, epígrafe B.2, epígrafe C.2, epígrafe E e epígrafe A.1. De persistir o empate, decidirá o órgano de valoración.
3. A Comisión de Valoración fará pública a proposta provisional de adxudicación de destinos nos lugares previstos na base 1.2 e establecerase un prazo de cinco (5) días naturais a partir do seguinte ao da publicación para formular reclamacións.
4. Resoltas as reclamacións, a Comisión de Valoración remitiralle a proposta definitiva de adxudicación ao reitor, quen ditará e publicará a resolución do concurso, que se motivará con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases da convocatoria. En todo caso, deberán quedar acreditadas no procedemento, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos.
5. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, agás que con anterioridade ao remate do prazo de toma de posesión se obteña outro destino mediante convocatoria pública.
6. Os traslados que deriven da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios, polo que non darán dereito a ningún tipo de indemnización.
7. Esta convocatoria e os actos derivados dela poderán ser impugnados de acordo co previsto na Lei 39/2015.
8. Os prazos de cesamento e de toma de posesión dos novos destinos serán determinados mediante resolución da Xerencia.
Vigo, 5 de setembro de 2024
Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
ANEXO I
Solicitude de participación
1. Acceso á aplicación. Desde a web da Universidade de Vigo, a través da Secretaría virtual, na epígrafe Concursos PAS.
2. Solicitude. Dispón de tres pestanas:
– Axuda: figuran os pasos que cómpre seguir.
– Solicitude: permite seleccionar os postos entre aqueles aos cales, polo subgrupo de pertenza, se pode optar.
– Saír: permite abandonar a aplicación.
3. Selección de postos. Consonte o que se explica na pestana axuda, poderase elixir os postos, eliminalos da relación ou modificar a orde de preferencia. Os cambios non se perden ao saír da aplicación e manteranse ata o momento en que se decida consideralos como versión final.
4. Vista preliminar. Xerarase premendo en versión final; este documento ten carácter unicamente informativo, polo que non pode ser entregado como solicitude de participación.
5. Presentación. Premerase Solicitude e, a continuación, Xerar impreso; xerarase o documento definitivo que se deberá asinar, para presentalo no prazo e nos lugares que se indican na base cuarta da convocatoria.
6. Méritos. Deberán achegarse xunto coa solicitude exclusivamente ata o remate do prazo da súa presentación.
No enderezo https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/tipo/convocatorias-pas publicaranse en detalle estas instrucións.
