Mediante a Orde do 27 de xuño de 2022 creouse a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de fomentar o intercambio e a transferencia de coñecementos entre os organismos científicos, o sector pesqueiro e a Administración pesqueira de Galicia. Esta orde redactouse ao abeiro do Fondo Europeo vixente no momento da súa creación, o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, aplicable a programas e operacións do período de programación 2014-2020, polo que resulta necesario adaptar o seu articulado á actual normativa relativa ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, en concreto, ao Regulamento (UE) 2021/1139, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, aplicable aos programas e operacións levadas a cabo no período 2021-2027.
Por outra banda, tendo en conta a finalidade da creación da Rede e que o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar) é unha fundación pública que traballa pola mellora do medio mariño, dos seus recursos e de todos os sectores que viven del, fomentando a innovación e a sustentabilidade ambiental, social e económica, e que inclúe entre os seus obxectivos o fomento e a execución das accións necesarias para a conservación e o aproveitamento responsable do medio mariño e os seus recursos, a súa integración na Rede como vogal resulta xustificada, o que implica modificar a composición da Rede.
En consecuencia, en virtude das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 27 de xuño de 2022 pola que se crea a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia
A Orde do 27 de xuño de 2022 pola que se crea a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Se modifica a letra d) do número 1 do artigo 4, que queda redactado como segue:
«d) As vogalías, en representación dos organismos científicos e do sector pesqueiro que a continuación se relacionan, por proposta das distintas organizacións ou institucións:
1º. Unha persoa investigadora da área de Recursos Mariños do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).
2º. Unha persoa do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).
3º. Unha persoa do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico.
4º. Unha persoa investigadora do ámbito mariño de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia.
5º. Dúas persoas investigadoras da Axencia Estatal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), das cales unha pertencerá ao Instituto de Investigacións Mariñas e a outra ao Instituto Español de Oceanografía, ambas as dúas propostas polas direccións dos citados institutos.
6º. Unha persoa por cada federación provincial de confrarías de pescadores de Galicia.
7º. Dúas vogalías do Pleno do Consello Galego de Pesca.
8º. Unha persoa profesional pertencente ao colectivo do marisqueo a pé, por proposta da Federación Galega de Confrarías.
9º. Unha persoa profesional pertencente á Federación Galega de Redeiras.
10º. Unha persoa representante dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) con sede en Galicia.
11º. Unha persoa representante do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar)».
Dous. Modifícase a letra a) do artigo 5, que queda redactada como segue:
«a) Velar pola correcta aplicación das medidas do artigo 3, prioridade 1, do Regulamento (UE) 2021/1139, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, ou das medidas establecidas na correspondente normativa europea vixente en cada momento».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024
Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar
