A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en adiante só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define a actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizado integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da devandita lei determina que, en caso de actuación administrativa automatizada, se deberá establecer previamente o órgano ou os órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se fose o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación.
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.
Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito das sinaturas manuscritas dixitalizadas: a copia e sinatura electrónica avanzada dos documentos asinados polas persoas interesadas mediante sistemas de sinatura manuscrita dixitalizada.
Segundo. O órgano responsable en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior será:
a) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, do mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, da auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable para os efectos de impugnación.
Terceiro. Autorizar o uso do selo electrónico denominado «AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e aos procedementos mencionados.
Cuarto. Autorizar a renovación do selo electrónico «AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.
Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2024
Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
