DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 26 de setembro de 2024 Páx. 52472

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2024 pola que se convoca o Curso monográfico sobre a responsabilidade patrimonial sanitaria.

Convocar o Curso monográfico sobre a responsabilidade patrimonial sanitaria, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

Estudo en profundidade das principais cuestións relativas á responsabilidade patrimonial sanitaria, atendendo ao cumprimento da Lex artis, o consentimento informado e a incorporación da historia clínica ao expediente.

Segunda. Contidos

O curso será impartido en 5 sesións presenciais, 2 horas por sesión.

Sesión 1: aspectos xerais da tramitación dos procedementos de responsabilidade patrimonial sanitaria. A formación do expediente administrativo. Participación dos terceiros afectados, especial referencia ao contratista da Administración. Prescrición da acción.

Sesión 2: perda de oportunidade e dano desproporcionado.

Sesión 3: importancia da proba no procedemento de responsabilidade patrimonial e nos recursos contencioso-administrativos. A práctica da proba.

Sesión 4: o consentimento informado e a historia clínica.

Sesión 5: o aseguramento da responsabilidade patrimonial da Administración sanitaria. Intervención do asegurador nos procedementos de responsabilidade patrimonial e nos recursos contencioso-administrativos.

Terceira. Persoas destinatarias

O curso está dirixido ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: EGAP, rúa Madrid, núm. 2-4, Santiago de Compostela.

Modalidade: presencial.

Datas: 21, 23, 24, 28 e 30 de outubro de 2024.

Horario: das 16.30 ás 18.30 horas.

Horas lectivas: 10.

Quinta. Número de prazas

Vinte e cinco (25).

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base terceira desta resolución respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar o nome do curso: Curso monográfico sobre a responsabilidade patrimonial sanitaria.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 15 de outubro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recolleitos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A orde de selección virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes de persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal canto antes e, en todo caso e como máximo, o día 18 de outubro de 2024, antes das 12.00 horas, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas do curso. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso monográfico, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregaran os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública