DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 27 de setembro de 2024 Páx. 52628

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2024 pola que se anuncia a publicación do Acordo adoptado polo Pleno da institución, na súa sesión do 24 de setembro de 2024, de aprobación da Instrución que regula a rendición telemática da Conta Xeral da Comunidade Autónoma sobre a rendición da Conta Xeral.

De conformidade co disposto no artigo 19 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, anúnciase a publicación do Acordo adoptado o 24 de setembro de 2024 polo Pleno da institución, mediante o que se aproba a Instrución que regula a rendición telemática da Conta Xeral da Comunidade Autónoma sobre a rendición da Conta Xeral que a seguir se transcribe:

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 24 de setembro, polo que se aproba a Instrución que regula a rendición telemática da Conta Xeral da Comunidade Autónoma.

I. Antecedentes.

O artigo 121 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (TRLRFOG) establece que a Conta Xeral da Comunidade Autónoma de cada ano se remitirá, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas antes do 30 de setembro do ano seguinte a aquel a que se refire.

A consellería competente en materia de facenda é á que lle corresponde establecer a estrutura e o contido das contas e estados a que se fai referencia neste artigo, así como das demais contas que deban render as entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na actualidade están en curso os traballos de actualización desta normativa contable que, xunto coa definición do sistema contable no seu conxunto, tamén regularía a estrutura, o contido e a elaboración das contas que integran a Conta Xeral.

Nos últimos exercicios, o Consello de Contas vén recomendando de forma reiterada tanto o adianto do prazo de rendición da Conta Xeral como a realización de avances encamiñados á súa presentación telemática, e no marco da Comisión Mixta creada pola Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Consello de Contas veñen traballando cara a ese obxectivo.

De común acordo entre ambas as partes, realizáronse probas encamiñadas á validación dun procedemento específico para a remisión ao Consello de Contas en formato electrónico da Conta Xeral da Comunidade, que se formalizará a través da sede electrónica do Consello de Contas.

Tamén no ámbito da Comisión Mixta Intervención Xeral-Consello de Contas a Intervención Xeral aceptou anticipar respecto dese prazo a remisión das bases de datos da liquidación e das operacións orzamentarias de cada exercicio, de forma que se lle facilite ao Consello acelerar os traballos de fiscalización.

Na Instrución 4/2024, do 17 de xullo, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, regúlase a presentación telemática da Conta Xeral da Comunidade Autónoma.

O artigo 31 do seu regulamento de réxime interior dispón que o Consello de Contas poderá determinar os medios e os formatos en que debe ser facilitada a documentación, e, para estes efectos, a remisión telemática realizarase de acordo cos requisitos e especificacións técnicas que se establezan en cada caso.

Con base no indicado precepto e nos acordos da Comisión Mixta, por esta Instrución determínase o procedemento para a rendición telemática da Conta Xeral ao Consello de Contas.

II. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta instrución ten por obxecto determinar os medios para a rendición da Conta Xeral da Comunidade Autónoma e o procedemento para efectuala de forma telemática ante o Consello de Contas, así como establecer os formatos en que se debe presentar a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2023 e posteriores.

A Conta Xeral inclúe as contas da Administración xeral, dos organismos autónomos, das axencias públicas, das entidades públicas de consulta e asesoramento, consorcios, entidades públicas empresariais, sociedades públicas e fundacións do sector público autonómico, nos termos establecidos polo artigo 118 do TRLRFOG.

III. Procedemento telemático de rendición da Conta Xeral da Comunidade Autónoma.

A rendición da Conta Xeral en formato electrónico realizarase a través da sede electrónica do Consello de Contas no trámite habilitado para tal efecto. Neste trámite presentarase unha comunicación que inclúa a relación de ficheiros que integran a Conta Xeral, remitidos xunto co seu código hash e o sistema de intercambio de arquivos que se debe utilizar para a descarga da información por parte do Consello de Contas.

A presentación desta comunicación a través da sede electrónica do Consello coa posta á disposición dos ficheiros relacionados naquela determinará o cumprimento da obriga de rendición da Conta Xeral establecida polo artigo 121 do TRLRFOG.

Calquera modificación da información remitida exixirá seguir os pasos anteriores cunha nova comunicación na sede electrónica que indicará a corrección realizada e o arquivo de corrección creado.

A información remitida deberá estar asinada electronicamente, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

IV. Rendición en soporte informático e formato de rendición.

O contido da Conta Xeral, definido pola consellería competente en materia de facenda, incluirá a relación de ficheiros establecidos na Instrución do 17 de xullo de 2024, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que se recollen no anexo I desta instrución. O formato axustarase aos modelos normalizados acordados na Comisión Mixta Intervención Xeral-Consello de Contas.

V. Remisión anticipada de información.

Con independencia do prazo de rendición da información e documentación sinalada no anexo I que integra a Conta Xeral, a Intervención Xeral remitirá anticipadamente, na data acordada no seo da Comisión Mixta, as bases de datos que soportan a liquidación e as operacións orzamentarias de cada exercicio. Para a remisión destes ficheiros seguirase o mesmo procedemento telemático descrito na epígrafe III desta instrución.

VI. Requirimento doutra documentación.

O Consello de Contas poderá requirir o envío de calquera outra documentación que precise para a fiscalización. Para a remisión ao Consello desta información poderá empregarse o mesmo procedemento telemático descrito na epígrafe III desta instrución.

Os requirimentos deberán ser atendidos nos prazos e termos establecidos neles en cumprimento do deber de colaboración co Consello de Contas de Galicia que teñen todas as entidades integrantes do sector público, a teor do artigo 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, na redacción dada pola Lei 8/2015, do 7 de agosto.

VII. Entrada en vigor.

Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e afectará a rendición da Conta Xeral do exercicio 2023 e posteriores.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO I

Relación_Ficheiros_Conta_Xeral

Ficheiro

Contido

AX_cx_XXXX.pdf

Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tomo I: Estados de execución

AX_Memoria_XXXX.pdf

Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tomo II: Memoria

AX_p_XXXX.pdf

Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tomo III: Conta do Patrimonio

Execución_Organismos Autónomos_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas dos organismos autónomos.

Tomo I: Estados de execución

Contas anuais_Organismos Autónomos _XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas dos organismos autónomos.

Tomo II: Contas anuais

SE_cx_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas dos organismos autónomos. Sergas.

Tomo I: Estados de execución

SE_Memoria_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas dos organismos autónomos. Sergas.

Tomo II: Memoria

SE_p_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas dos organismos autónomos. Sergas.

Tomo III: Conta do Patrimonio

Execución_Axencias Públicas_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas das axencias públicas.

Tomo I: Estados de execución

Contas anuais_Axencias Públicas_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas das axencias públicas.

Tomo II: Contas anuais

Execución_Entidades Públicas Instrumentais_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas das entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento.

Tomo I: Estados de execución

Contas anuais_Entidades Públicas Instrumentais_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

Contas das entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento.

Tomo II: Contas anuais

Contas anuais_Consorcios_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo.

Contas dos consorcios

Contas anuais_Entidades Públicas Empresariais_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo.

Contas das entidades públicas empresariais

Contas anuais_Sociedades Públicas_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo.

Contas das sociedades públicas

Contas anuais_Fundacións Públicas_XXXX.pdf

Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo.

Contas das fundacións públicas

Memoria_Conta Xeral_XXXX.pdf

Memoria da Conta Xeral da Comunidade Autónoma

Estados_memoria_AX_ XXXX (folla de cálculo)

Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Follas de cálculo dos cadros da memoria da Administración xeral

Estados_memoria_Conta Xeral_ XXXX (folla de cálculo)

Memoria da Conta Xeral da Comunidade Autónoma.

Follas de cálculo dos cadros da memoria da Conta Xeral

Estados_anexos_memoria_Conta Xeral_XXXX (folla de cálculo)

Memoria da Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Follas de cálculo dos anexos da memoria da Conta Xeral (unha por cada anexo)

XXXX é o exercicio a que corresponde a Conta.