No Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro de 2023, publicouse a Resolución do 14 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión, de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2024 (código de procedemento IN417Z).
O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Conforme o establecido no artigo 3.1 das bases reguladoras, serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2024, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Este aspecto desenvólvese no artigo 26, que recolle que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 2 de outubro de 2024, e no artigo 28.3.a).3º, que establece que a data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2024, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 26 das bases reguladoras.
Neste procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite pola demora dos provedores nas entregas de materiais.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a Resolución do 14 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2024 (código de procedemento IN417Z), no seguinte sentido:
O artigo 3.1 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2024, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para os expedientes con notificación da resolución de concesión posterior ao 1 de xullo de 2024, en que se subvencionarán os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 16 de outubro de 2024».
O artigo 26 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 2 de outubro de 2024, salvo cando a notificación da resolución de concesión sexa posterior ao 1 de xullo de 2024. Neste caso, ampliarase a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa ata o 16 de outubro de 2024».
O segundo parágrafo do punto 3.a).3º do artigo 28 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«A data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2024, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 26 das bases reguladoras, salvo para os expedientes con notificación da resolución de concesión posterior ao 1 de xullo de 2024, en que se subvencionarán os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 16 de outubro de 2024».
Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
