O programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, están regulados polo Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, e foron convocados en Galicia pola Resolución do Inega do 5 de xuño de 2023, publicada no DOG núm. 114, do 16 de xuño.
A Resolución do Inega, do 5 de xuño de 2023, pola que se convoca o programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas, foi modificada pola Resolución do 28 de decembro de 2023 (DOG núm. 246, do 29 de decembro) e pola Resolución do 27 de febreiro de 2024 (DOG núm. 48 , do 7 de marzo).
Co obxectivo de adecuar o orzamento á demanda promoveuse unha redistribución de 2.600.000 € do orzamento ampliado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, da presidenta do IDAE, pola que se amplía para Galicia o orzamento do Real decreto 1124/2021 sobre o orzamento orixinario asignado ao Programa de incentivos 1: Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, ao Programa de incentivos 2: Programa de incentivos para a implantación de instalación de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público.
En canto á posibilidade de redistribuír o orzamento, o artigo 8.3 in fine do Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, sinala: «nos dous meses posterior ao peche das convocatorias dos programas 1 e 2 permitirase compensar o saldo dos fondos existente entre os programas co obxecto de comprometer o maior número de solicitudes existentes».
De acordo con isto, a Xunta de Galicia notificou con carácter previo a redistribución ao IDAE, organismo responsable da coordinación e seguimento, conforme o artigo 13 do citado real decreto.
O artigo 4.2 da convocatoria prevé a posibilidade de redistribuír o crédito pasados tres meses desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.
O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que, cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará dunha nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliar os fondos destinados á implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público, modificando os números 1 e 2 do artigo 4 da Resolución do 5 de xuño de 2023, que quedan redactados do seguinte xeito:
1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa financiaranse con fondos europeos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 4.970.318,66 euros, coa seguinte distribución orzamentaria por anualidades:
|
Importe 2023 (€) |
Importe 2024 (€) |
Importe 2025 (€) |
Total (€) |
|
592.579,66 |
4.140.707,00 |
237.032,00 |
4.970.318,66 |
O orzamento por partida e anualidade distribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.703.0, 09.A3.733A.714.2, 09.A3.733A.744.1, 09.A3.733A.745.2, 09.A3.733A.760.5, 09.A3.733A.760.9, 09.A3.733A.781.1 e 09.A3.733A.781.6.
2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:
|
Tecnoloxía renovable térmica |
Orzamento anterior |
Orzamento final |
|
Biomasa |
1.400.000,00 € |
1.700.000,00 € |
|
Xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica |
970.318,66 € |
3.270.318,66 € |
|
Total |
2.370.318,66 € |
4.970.318,66 € |
Os orzamentos por tecnoloxía renovable poderán ser redistribuídos pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.
Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.
Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
