DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 27 de setembro de 2024 Páx. 52639

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2024 pola que se minora e redistribúe o crédito orzamentario recollido na Resolución do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422N).

O programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas nos diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, está regulado polo Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, e foi convocado en Galicia pola Resolución do Inega do 21 de marzo de 2022, publicada no DOG núm. 63, do 31 de marzo.

A Resolución do Inega do 21 de marzo de 2022 pola que se convoca o programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas foi modificada pola Resolución do 8 de agosto de 2022 (DOG núm. 158, do 22 de agosto); pola Resolución do 5 de xuño de 2023 (DOG núm. 111, do 13 de xuño); pola Resolución do 28 de decembro de 2023 (DOG núm. 246, do 29 de decembro) e pola Resolución do 27 de febreiro de 2024 (DOG núm. 48, do 7 de marzo).

Co obxectivo de adecuar o orzamento á demanda promoveuse unha redistribución de 2.600.000,00 € do orzamento ampliado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, da presidenta do IDAE, pola que se amplía para Galicia o orzamento do Real decreto 1124/2021 sobre o orzamento orixinario asignado ao Programa de incentivos 1: Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, ao Programa de incentivos 2: Programa de incentivos para a implantación de instalación de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público.

En canto á posibilidade de redistribuír o orzamento, o artigo 8.3 in fine do Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, sinala: «nos dous meses posterior ao peche das convocatorias dos programas 1 e 2 permitirase compensar o saldo dos fondos existente entre os programas co obxecto de comprometer o maior número de solicitudes existentes».

De acordo con isto, a Xunta de Galicia notificou con carácter previo a redistribución ao IDAE, organismo responsable da coordinación e seguimento conforme o artigo 13 do citado real decreto.

O artigo 4.2 da convocatoria prevé a posibilidade de redistribuír o crédito pasados tres meses desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.

O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que, cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Minorar e redistribuír os fondos destinados á implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas nos diferentes sectores da economía, modificando os números 1 e 2 do artigo 4 da Resolución do 21 de marzo de 2022, que quedan redactados do seguinte xeito:

«1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa financiaranse con fondos europeos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 9.690.541,20 €, coa seguinte distribución orzamentaria por anualidades:

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Importe 2025 (€)

Total (€)

290.436,39

4.400.801,47

4.235.258,83

764.044,51

9.690.541,20

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.714.2, 09.A3.733A.760.5, 09.A3.733A.760.9, 09.A3.733A.770.5, 09.A3.733A.770.6, 09.A3.733A.781.1 e 09.A3.733A.781.6.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tecnoloxía renovable

Orzamento anterior

Orzamento final

Biomasa

8.250.000,00 €

5.100.000,00 €

Xeotermia e hidrotermia

2.400.000,00 €

2.750.000,00 €

Aerotermia

1.540.000,00 €

1.740.000,00 €

Solar térmica

100.541,20 €

100.541,20 €

Total

12.290.541,20 €

9.690.541,20 €

Os orzamentos por tecnoloxía renovable poderán ser redistribuídos pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes».

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia