DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 30 de setembro de 2024 Páx. 52926

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 26 de agosto de 2024, da Xerencia Municipal de Urbanismo, de aprobación definitiva do Plan especial de reforma interior da unidade de actuación UA-1 O Ceán (Coruxo) prevista no Plan xeral de ordenación municipal/93 (expediente 17983/411).

O Pleno do Concello de Vigo, en sesión ordinaria do día 29 de xullo de 2024, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Desestimar integramente a alegación presentada o 5 de decembro de 2023, co número de documento 230396966, con base e de conformidade co disposto no corpo deste anuncio.

Segundo. Prestar aprobación, con carácter definitivo, ao Plan especial de reforma interior da unidade de actuación UA-1 O Ceán, instrumento urbanístico de iniciativa particular promovido pola súa xunta de compensación, que inclúe a documentación técnica presentada no Rexistro electrónico desta xerencia municipal de urbanismo con data do 16 de febreiro de 2024-Doc. Núm. 240061931 e CÓD.SOL. W1063205-3212-, documentación redactada por un equipo multidisciplinar conformado pola empresa Ordenación Territorial, Infraestruturas y Medio Ambiente, S.L.-Óptima, S.L., de febreiro de 2024, asinada dixitalmente polo arquitecto D.R.P., e pola entidade Sonen, Ingeniería Acústica, no que se refire ao documento Estudo do impacto acústico, do 4 de xullo de 2022, asinado dixitalmente polo seu director técnico P.G.P.

Terceiro. Ordenar a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (o informe ambiental estratéxico foi publicado no Diario Oficial de Galicia número 155, do 29 de xullo de 2021) e, posteriormente, remitir un exemplar do instrumento definitivamente aprobado en soporte dixital e debidamente dilixenciado á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia. Recibido o certificado de inscrición, publicarase a normativa no Boletín Oficial de Pontevedra, de conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 199 do seu Regulamento (Real decreto 143/2016).

Cuarto. O contido íntegro do instrumento definitivamente aprobado estará dispoñible no seguinte enderezo electrónico https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal#/ na epígrafe Planeamento de Desenvolvemento en tramitación, e no Portal de transparencia.

Quinto. Remitirlles un exemplar da documentación aprobada definitivamente, debidamente dilixenciada, aos correspondentes organismos da Administración estatal e autonómica con competencias sectoriais na materia, en atención ás consideracións e/ou observacións realizadas nos ditos informes sectoriais emitidos e que constan incorporados ao expediente de razón.

Sexto. Notificar individualmente este acordo na forma prevista no artigo 184.4 in fine do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Sétimo. Contra este acordo poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co artigo 46.1 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen prexuízo do exercicio doutras accións legais que se consideren convenientes».

Para os efectos de dar cumprimento ao punto cuarto da parte dispositiva deste acordo, a documentación íntegra aprobada definitivamente poderá consultarse na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal, na epígrafe Planeamento de Desenvolvemento aprobado (modifícase a epígrafe con respecto á indicada no acordo adoptado, por entender que esta nova localización resultará moito máis intuitiva para os cidadáns que queiran consultar este tipo de proxectos).

Ante a eventualidade de que poidan existir interesados descoñecidos neste procedemento, se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, a publicación deste anuncio servirá de notificación co alcance e finalidade previstos no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo da preceptiva publicación no Boletín Oficial del Estado.

Vigo, 26 de agosto de 2024

O alcalde
P.D. (Resolución do 4.7.2023)
María José Caride Estévez
Concelleira delegada da Área de Goberno de Urbanismo e Vivenda