DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 2 de outubro de 2024 Páx. 53209

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 20 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e se cancelan unhas garantías económicas para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede do parque eólico Barreiros I, sito nos concellos de Barreiros e Ribadeo (Lugo) e promovido por WPD Tecnorenova, S.L.U. (expediente IN408A/2020/056).

A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e se cancelan unhas garantías económicas para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede do parque eólico Barreiros I.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Primeiro. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Barreiros I, sito nos concellos de Barreiros e Ribadeo (Lugo) e promovido por WPD Tecnorenova, S.L.U.

Segundo. Arquivar o expediente do parque eólico Barreiros I (expediente IN408A/2020/056).

Terceiro. Cancelar as garantías depositadas por Tecnorenova Eólica, S.L. e WPD Tecnorenova, S.L.U. o 13.4.2020 e o 16.6.2022, respectivamente, por importe de 1.980.000 e 2.000.000 € cada unha, con números de rexistro 275/2020 e 2022/90/1202, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Barreiros I.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

Con data 13.4.2020, Tecnorenova Eólica, S.L. depositou unha garantía económica por importe de 1.980.000 €, con número de rexistro 275/2020, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Barreiros I.

Con data 12.4.2020, Tecnorenova Eólica, S.L.U. presentou unha solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Barreiros I (expediente IN408A/2020/056), nos concellos de Barreiros e Ribadeo, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Con data 25.6.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. O 15.7.2020, Tecnorenova Eólica, S.L.U. presentou copia do xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa para o parque eólico Barreiros I.

Con data 4.2.2022, Tecnorenova Eólica, S.L.U. comunicou o cambio da súa denominación social, que pasou a ser WPD Tecnorenova, S.L.U., mantendo o mesmo NIF. O 31.10.2022, esta dirección xeral tomou razón dese cambio de denominación.

Con data 16.6.2022, WPD Tecnorenova, S.L.U. depositou unha nova garantía económica por importe de 2.000.000 €, con número de rexistro 2022/90/1202, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Barreiros I.

Con data 23.8.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto sectorial, segundo o previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que a posición do aeroxerador BA I-11 non cumpre a distancia mínima de 500 m respecto dos núcleos de Fornos e A Madanela, no concello de Ribadeo, cumprindo o resto das posicións.

Con datas 22.9.2023 e 19.10.2023, WPD Tecnorenova, S.L.U. presentou nova documentación modificando a posición do aeroxerador BA I-11. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un novo informe o 22.11.2023, onde indica que todas as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Polo Acordo do 23 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto de execución do parque eólico Barreiros I, nos concellos de Barreiros e Ribadeo (expediente IN408A 2020/056).

Con data 7.6.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico Barreiros I.

O proxecto presentou modificacións respecto ao sometido a información pública e consultas debido aos informes do Instituto de Estudos do Territorio, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Eliminouse a posición de dez dos once aeroxeradores do proxecto orixinal, xunto coa infraestrutura asociada a eles, así como a subestación transformadora.

Con data 8.8.2024, WPD-Tecnorenova, S.L. solicitou ante esta dirección xeral a devolución das garantías económicas con números de rexistro 275/2020 e 2022/90/1202, achegadas para o procedemento de acceso e conexión do parque eólico Barreiros I.

Con data 18.9.2024, WPD-Tecnorenova, S.L., tras requirimento desta dirección xeral do 11.9.2024, reiterou a solicitude de devolución das garantías económicas con números de rexistro 275/2020 e 2022/90/1202 e desistiu da tramitación do expediente do parque eólico Barreiros I (IN408A/2020/056) solicitando o seu arquivamento.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático