DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 2 de outubro de 2024 Páx. 53166

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se modifica a Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25.

O 3 de xuño de 2024 a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu estimar en parte as demandas interpostas por Ecoloxistas en Acción Galicia no procedemento ordinario 4175.2022 contra a Resolución do 12 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a temporada 2022/23, declarando desconforme a dereito a resolución por vulneración do Decreto 88/2009 (catálogo especies ameazadas) en relación co Decreto 284/2001 (regulamento de caza) referente a tres aves: Anas crecca, Gallinago gallinago e Vanellus vanellus; anulándose os artigos 5.1 na referencia á arcea, 5.7, 9.2 (no particular da caza con arco), 11.6 e 16 en relación coas especies indicadas e a prórroga establecida na disposición adicional primeira.

Así mesmo, nesta mesma data a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu estimar en parte as demandas interpostas Ecoloxistas en Acción Galicia no procedemento ordinario 0004195/2023 contra a Resolución do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a temporada 2023/24, declarando desconforme a dereito a resolución por vulneración do Decreto 88/2009 (catálogo especies ameazadas) en relación co Decreto 284/2001 (regulamento de caza) referente a tres aves: Anas crecca, Gallinago gallinago e Vanellus vanellus que se declaran non cazables no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; anúlanse os artigos 5.1 na referencia á arcea, 5.7, 9.2 (no particular da caza con arco), 11.6 e 16 en relación coas especies indicadas e a prorroga establecida na disposición adicional primeira.

Con motivo das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza, estas declaracións de desconformidade afectan a regulación da tempada cinexética 2024/25 establecida na Resolución do 27 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a temporada 2024/25, polo que cómpre a súa modificación de acordo coas anteditas sentenzas.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O 8 de xaneiro de 2014 publicouse a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Esta lei establece no seu artigo 54 que, anualmente, unha resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza determinará as épocas hábiles de caza e as medidas de control por danos, así como os réximes especiais por especies.

O Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, atribúe a esta consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos e, no seu artigo 13, concreta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é o organismo que exercerá as competencias e funcións atribuídas en materia da ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos.

Con base no exposto, no uso das funcións conferidas polo disposto no artigo 54 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25

Modifícase a Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25, nos termos que se recollen a continuación:

Un. Modifícase o punto 1 e 7 do artigo 5 «Adestramento de cans e aves de cetraría», que queda redactado do xeito seguinte:

1. Nos terreos de réxime cinexético común, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen petición previa, desde o 1 de setembro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

En terreos de réxime cinexético especial, agás na superficie vedada dos tecores, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen solicitude previa, desde o 1 de setembro de 2024 ata o 19 de outubro de 2024 os xoves, sábados, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, e desde o 20 de outubro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

Nos terreos de réxime cinexético especial que teñan autorizada a prórroga do período hábil de caza para a arcea nos seus plans de aproveitamento cinexético, poderá permitirse o adestramento de cans sobre esta especie e exclusivamente para realizar censos desde o 7 de xaneiro de 2025 ata o 9 de febreiro de 2025, os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico.

7. En terreos cinexéticos e con fins de competición, con solicitude previa e logo do informe da Federación Galega de Caza, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza poderán autorizar o adestramento de cans de rastro e mostra e das aves de cetraría con exemplares procedentes de soltas en calquera época do ano, agás nas épocas sensibles de cría, determinándose esta época conforme o exposto no punto 2 deste artigo. Nos tecores poderá autorizarse o adestramento de cans de rastro e mostra e das aves de cetraría con fins de competición nas zonas de adestramento de cans e aves de cetraría e zonas de caza permanente que teñan aprobadas (código de procedemento administrativo MT720H).

Dous. Modifícase o punto 2 do artigo 9 do título II «Métodos e modalidades de caza», que queda redactado do xeito seguinte:

2. A práctica da cetraría, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, e a caza con arco en terreos de réxime cinexético especial, poderá realizarse nas mesmas condicións que as que se sinalan para a caza con outros métodos de caza. Nos terreos de réxime cinexético especial as anteditas modalidades de caza deben estar incluídas no Plan de ordenación cinexética.

Autorízase a caza da gaivota chorona común (Chroicocephalus ridibundus), estorniño pinto (Sturnus vulgaris), pega rabilonga (Pica pica) e corvo (Corvus corone), mediante a modalidade de cetraría, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, durante todo o ano, agás nos meses de abril, maio e xuño. Nos terreos de réxime cinexético especial con autorización da persoa titular do aproveitamento e nas zonas libres de caza, con autorización da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza.

Tres. Modifícase o punto 6 do artigo 11 do título III «Métodos e modalidades de caza», que queda redactado do xeito seguinte:

6. Nos terreos de réxime cinexético especial, cando se celebre unha batida, montaría, espera ou axexo sobre especies de caza maior, poderase disparar a todas as pezas de caza maior que estean en período e día hábil de caza e que estean recollidas no plan de ordenación cinexética e no plan anual de aproveitamento cinexético e sempre que non se teña cuberta a cota de capturas. Poderáselle disparar ao raposo, no seu período hábil, utilizando armas e municións propias da caza maior con autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Catro. Queda suprimida a letra b) do punto 1 do artigo 16 «Réximes especiais por especies aprobados despois de oídos os comités provinciais de caza e o Comité Galego de Caza».

Cinco. Modifícanse as letras l) e n) do punto 1 do artigo 16 «Réximes especiais por especies aprobados despois de oídos os comités provinciais de caza e o Comité Galego de Caza», que quedan redactadas do xeito seguinte:

l) Aves acuáticas: lavanco real (Anas platyrhynchos), pato rabilongo (Anas acuta), parrulo chupón (Aythya ferina), parrulo cristado común (Aythya fuligula), galiñola negra (Fulica atra). Estas especies pódense cazar no período hábil de caza menor.

n) Charrela (Perdix perdix), pato cullerete (Anas clypeata), rula turca (Streptopelia decaocto), gaivota escura (Larus fuscus), gaivota arxéntea (Larus argentatus), gaivota patiamarela (Larus michahellis), pomba brava(1) (Columba livia), pomba zura (Columba oenas), gralla cereixeira (Corvus monedula) e rula común (Streptopelia turtur): queda prohibida a súa caza.

(1) Excepto exemplares procedentes de explotacións industriais utilizados como presas de escape no ámbito da cetraría.

Seis. Suprímese a disposición adicional primeira.

Sete. As disposicións adicionais segunda e terceira pasan a ser a primeira e a segunda, respectivamente.

Oito. Engádese unha nova disposición adicional terceira, que queda redactada do xeito seguinte:

Os plans anuais de aproveitamento cinexético aprobados para a tempada 2024/25 que recollan o aproveitamento de cerreta ou becacina cabra (Gallinago gallinago) e cerceta real (Anas crecca) entenderanse como non aprobados para estas dúas especies.

Nove. Modifícase o anexo II, que queda redactado de xeito seguinte:

Relación de especies cazables no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2024/25.

– Aves:

• Anas platyrhynchos: lavanco real*

• Anas acuta: pato rabilongo

• Aythya ferina: parrulo chupón

• Aythya fuligula: parrulo cristado común

• Alectoris rufa: perdiz rubia*

• Phasianus colchicus: faisán común*

• Fulica atra: galiñola negra

• Scolopax rusticola: arcea

• Chroicocephalus ridibundus: gaivota chorona común

• Columba livia: pomba brava(2)

• Columba palumbus: pombo torcaz*

• Coturnix coturnix: paspallás*(1)

• Turdus piliaris: tordo real

• Turdus philomelos: tordo galego

• Turdus iliacus: tordo malvís

• Turdus viscivorus: tordo charlo

• Sturnus vulgaris: estorniño pinto

• Pica pica: pega rabilonga

• Corvus corone: corvo

– Mamíferos:

• Lepus granatensis: lebre*

• Oryctolagus cuniculus: coello*

• Vulpes vulpes: raposo*

• Sus scrofa: xabaril*

• Capra pyrenaica: cabra montesa

• Cervus elaphus: cervo*

• Capreolus capreolus: corzo*

• Dama dama: gamo*

• Ovis orientalis: muflón*

• Rupicapra pyrenaica: rebezo

* Cazable e comercializable.

(1) Comercializable só os exemplares procedentes de explotacións industriais.

(2) Unicamente exemplares procedentes de explotacións industriais utilizados como presas de escape no ámbito da cetraría.

Dez. Queda suprimido o anexo anexo IV. Relación de concellos en que se prohibe cazar a becacina cabra (Gallinago gallinago).

Once. Modifícase a numeración do anexo V, que pasa a ser o anexo IV.

Segundo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural