DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 2 de outubro de 2024 Páx. 53178

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2024 pola que se lles dá publicidade aos convenios de colaboración subscritos no segundo cuadrimestre do ano 2024.

O artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG núm. 30, do 15 de febreiro) establece que cada consellería ou entidade deberá publicar cuadrimestralmente no Diario Oficial de Galicia unha relación dos convenios de colaboración asinados no cuadrimestre anterior.

Polo que antecede, en virtude das facultades que teño concedidas,

RESOLVO:

Facer pública a relación dos convenios subscritos por Augas de Galicia durante o segundo cuadrimestre do ano 2024, que se incorpora como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia

ANEXO

Convenios de colaboración subscritos por Augas de Galicia
durante o segundo cuadrimestre do ano 2024

Convenios

Obxecto

Data da sinatura

Achega de Augas de Galicia

Convenio de cooperación educativa entre a Universidade de Santiago de Compostela e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, para a realización de prácticas académicas externas curriculares ou extracurriculares do alumnado do Grao de Enxeñaría Química.

Establecer un programa para a realización de prácticas académicas externas do alumnado nas instalacións da entidade pública empresarial Augas de Galicia, así como para achegar as súas persoas expertas a aquela parte da docencia teórico-práctica especializada que fose precisa.

15.5.2024

Sen custo económico

Convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Augas de Galicia e a Asociación Enxeñería sen Fronteiras Galicia, para o proxecto Fortalecemento de capacidades técnicas e operativas para a mellora da xestión dos recursos hídricos en Mozambique (AQUA-MOZ SECARA 5ª fase).

Establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Augas de Galicia e a asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia no proxecto denominado Fortalecemento de capacidades técnicas e operativas para a mellora da xestión dos recursos hídricos en Mozambique (AQUA-MOZ SECARA 5ª fase).

29.5.2024

206.578,00 €

Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Valga, para a mellora dos servizos de abastecemento e saneamento da avenida da Coruña no Concello de Valga.

Establecer as condicións básicas para a colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Valga, que permitan ao concello acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as obras necesarias para a mellora dos servizos de abastecemento e saneamento da avenida da Coruña do Concello de Valga.

6.6.2024

318.223,50 €

Addenda ao convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Boqueixón, para a execución da actuación de mellora e optimización do funcionamento do sistema de saneamento das parroquias de Lestedo e Sergude e de nova rede de saneamento noutras parroquias. Concello de Boqueixón (A Coruña), cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural Galicia 2014-2020.

Ampliar o prazo de vixencia do convenio ata o 31 de decembro de 2024, que non incrementa os importes anteriores do convenio.

17.6.2024

1.587.695,02 €

Convenio de colaboración entre Augas de Galicia, Portos de Galicia e o Concello de Sada, en relación coas actuacións no dominio público portuario, para a execución e mantemento das obras de anteproxecto de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Sada. Sada (A Coruña). OH.315.1189.

Establecer as condicións básicas para a colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia, o ente público Portos de Galicia e o Concello de Sada, para determinar as condicións nas que o ente público Portos de Galicia autoriza a execución das obras que se definen no anteproxecto de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Sada. Sada (A Coruña) OH.315.1189, na parte que se desenvolve no dominio público portuario (no porto de Sada) e pon á disposición sen cambio de titularidade ou cualificación xurídica dos bens e terreos portuarios, libres de cargas os terreos que resulten necesarios para a execución das citadas obras na zona do porto de Sada.

18.6.2024

Sen custo económico

Addenda ao convenio de colaboración entre a Sociedad Estatal Augas de las Cuencas de España, S.A., a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, para a execución e explotación da nova estación depuradora de augas residuais de Silvouta.

Aumentar o importe do investimento estimado, que queda fixado en 60.000.000,00 €, este aumento non afecta a achega comprometida por Augas de Galicia, que se mantén en 10.826.000,00 €, e reaxustar as anualidades da achega de Augas de Galicia.

19.6.2024

10.826.000,00 €

Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Crecente, para a execución de ramais de saneamento en Ameixeira e Sendelle, Crecente (Pontevedra).

Establecer as condicións básicas para a colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Crecente, que lle permitan ao concello acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as obras necesarias para a execución de ramais de saneamento en Ameixeira e Sendelle, Crecente (Pontevedra).

17.7.2024

38.517,33 €

Addenda ao convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello do Pino, para a mellora do saneamento e da depuración no concello do Pino, fase I, Concello do Pino (A Coruña), financiado ao 100 % a parte elixible pola Unión Europea no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

Aumentar o importe do convenio en 17.566,78 €, establecendo un importe total de 2.225.366,95 €, ampliar o prazo de vixencia ata o 31 de decembro de 2025 e, consecuentemente, reaxustar as anualidades do convenio.

2.8.2024

2.225.366,95 €

Acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, para o control da calidade das augas subterráneas do ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa polo Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

Regular a cooperación entre as partes asinantes de cara a unha adecuada programación e desenvolvemento da toma de mostras, análise e tratamento dos datos dos programas de control das masas de auga subterránea da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

8.8.2024

619.604,00 €

Convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra, e os concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.

Establecer as condicións básicas que rexerán a colaboración entre Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e os concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, co fin de dar cumprimento ao establecido na cláusula 4ª letra g) do parágrafo segundo do prego de bases a que se suxeita a concesión administrativa, para a explotación como aproveitamento hidroeléctrico da presa de Caldas de Reis.

9.8.2024

392.535,78 €

Addenda ao convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Outeiro de Rei, para a mellora do sistema de abastecemento de Outeiro de Rei, fase II, Outeiro de Rei (Lugo), cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural Galicia 2014-2020.

Reaxustar as anualidades ao ritmo previsto de execución das actuacións obxecto do convenio.

9.8.2024

144.446,35 €