A Comisión de Peticións, na súa sesión do 20 de setembro de 2024, aprobou a modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, conforme o disposto nas normas para a súa tramitación, aprobadas pola Mesa do Parlamento o día 4 de decembro de 1995 e publicadas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia núm. 389, do 12 de xaneiro de 1996.
En cumprimento do disposto nas devanditas normas, ordénase a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024
Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente
Modificación do Regulamento de organización e funcionamento do
Valedor do Pobo
Artigo único. Modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo
Modifícase o vixente Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobado pola Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia o 16 de xaneiro de 2018 (DOG nº 30, do 12 de febreiro de 2018) e modificado pola mesma Comisión o 24 de febreiro de 2023 (DOG do 3 de marzo de 2023), nos termos expostos a seguir.
Un. Modifícase o artigo 7, que queda redactado da seguinte forma:
«Correspóndenlle ao Valedor do Pobo, segundo o disposto na Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as seguintes competencias:
a) Representar a institución.
b) Nomear o adxunto e dispoñer o seu cesamento.
c) Manter relación directa co Parlamento de Galicia a través do seu presidente.
d) Relacionarse coa Comisión de Peticións do Parlamento.
e) Manter relación directa co presidente da Xunta de Galicia, co vicepresidente ou vicepresidentes, se é o caso, e cos conselleiros.
f) Manter relación directa co delegado de Goberno en Galicia.
g) Manter relación directa co presidente e co fiscal superior de Galicia.
h) Manter relación co Defensor del Pueblo das Cortes Xerais e coas institucións análogas doutras comunidades autónomas.
i) Convocar e fixar a orde do día das reunións da Xunta de Coordinación e Réxime Interior e dirixir as súas deliberacións.
j) Dirixir e supervisar o funcionamento da institución, aprobando as instrucións de orde interna para a mellor ordenación do servizo.
k) Exercer a xefatura do persoal e a potestade disciplinaria e decidir sobre a representación e defensa en xuízo.
l) Propoñer o cadro de persoal e proceder ao nomeamento e cesamento do persoal ao servizo da institución.
m) Propoñerlle á Mesa do Parlamento de Galicia o proxecto de orzamento da institución.
n) Fixar as directrices para a execución do orzamento.
ñ) Aprobar as bases para a selección de persoal e a contratación de obras, servizos e subministracións.
o) Presidir a Comisión da Transparencia de Galicia e a Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante, ambos os dous órganos colexiados adscritos ao Valedor do Pobo; desenvolver as funcións de Comisionado da Transparencia de Galicia; e calquera outra que lle resulte legalmente atribuída».
Dous. Modifícase o artigo 19, que queda redactado da seguinte forma:
«1. A persoa titular da Secretaría Xeral será designada polo Valedor do Pobo de acordo coa relación de postos de traballo aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia.
2. A persoa titular da Secretaría Xeral exercerá as seguintes funcións:
a) Dirixir e supervisar o labor da Coordinación Xeral, da Vicesecretaría Xeral, da Subdirección Xeral da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante e dos servizos administrativos da institución, e darlles conta do seu funcionamento ao Valedor do Pobo e á Xunta de Coordinación e Réxime Interior.
b) Exercer as competencias non atribuídas especificamente ao Valedor do Pobo, ao adxunto ou á Xunta de Coordinación e Réxime Interior.
c) Preparar a convocatoria das reunións da Xunta de Coordinación e Réxime Interior e actuar como secretario desta.
d) Preparar e elevar á Xunta de Coordinación e Réxime Interior o anteproxecto de orzamento.
e) Propoñer as actuacións que se lle encomenden ao Valedor do Pobo como Comisionado da Transparencia.
f) Exercer como vogal da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante.
g) Calquera outra que lle asigne o Valedor do Pobo».
Tres. Engádese un artigo 20 bis, coa seguinte redacción:
«A persoa titular da Vicesecretaría Xeral será designada polo Valedor do Pobo de acordo coa relación de postos de traballo aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia. Asumirá as seguintes funcións:
a) A suplencia das persoas titulares da Secretaría Xeral e/ou da Coordinación Xeral, nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención ou recusación.
b) A programación das necesidades de persoal da institución, a coordinación na elaboración da relación de postos de traballo e a xestión do persoal adscrito á institución.
c) A organización e o control do funcionamento dos servizos administrativos do Valedor do Pobo e dos seus órganos adscritos.
d) A secretaría da Comisión da Transparencia de Galicia e o impulso dos seus expedientes.
e) O asesoramento e realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola persoa titular da institución ou da Secretaría Xeral.
f) A xestión da información pública que se atope no portal de transparencia da institución e dos órganos adscritos, o adecuado trámite das solicitudes de información pública dirixidas ao Valedor do Pobo, así como a xestión da información á cidadanía en materia de transparencia.
g) Exercer como vogal e secretario da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante.
h) Calquera outra función que lle atribúa o Valedor do Pobo ou os plenos dos órganos colexiados adscritos».
Catro. Engádese un artigo 21 bis, coa seguinte redacción:
A persoa titular da Subdirección Xeral da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante será designada polo Valedor do Pobo de acordo coa relación de postos de traballo aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia. Asumirá as seguintes funcións:
a) Exercer a dirección técnica superior da análise, a investigación e a inspección das actividades da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante (AGPI), o que comprenderá necesariamente a instrución para comprobar a verosimilitude dos feitos achegados a ela.
b) Recibir e analizar as solicitudes, as denuncias e as comunicacións presentadas ante a AGPI por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, órganos ou institucións de carácter público.
c) Efectuar o tratamento e a análise da información de que teña coñecemento que sexa susceptible de dar lugar a actuacións de investigación, de acordo co disposto na Lei 2/2023.
d) Avaliar a verosimilitude das denuncias practicando as actuacións necesarias para iso e emitindo os informes que correspondan.
e) Elaborar as propostas de inadmisión ou de iniciación de actuacións de investigación en materia de protección á persoa informante, e a correspondente instrución do procedemento.
f) Instruír os procedementos sancionadores de conformidade co establecido no título IX da Lei 2/2023.
g) Elaborar as propostas de conclusión ou de reapertura dos expedientes de investigación, así como realizar o seguimento das actuacións e recomendacións adoptadas.
h) Elaborar estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, á planificación, á organización e aos métodos de traballo e de mellora da xestión dos procedementos administrativos da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante.
i) Calquera outra función que, sendo análoga ás anteriores ou tendo carácter instrumental para garantir o correcto desempeño das funcións da institución do Valedor do Pobo, lle sexa asignada polos seus superiores xerárquicos».
Cinco. Modifícase o artigo 24, que queda redactado da seguinte forma:
«O Servizo de Apoio será designado polo Valedor do Pobo de acordo coa relación de postos de traballo aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia. Asumirá as seguintes funcións:
a) O apoio e asesoramento ao labor da institución e a realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico nas materias que lle sexan encomendadas.
b) A tramitación, informe e seguimento dos expedientes de queixas naquelas áreas que se lle asignen.
c) A asistencia ao secretario xeral para a tramitación dos asuntos en que deba intervir a institución.
d) Calquera outra función que, sendo análoga ás anteriores ou tendo carácter instrumental para garantir o correcto desempeño das funcións da institución, lle sexa asignada polos seus superiores xerárquicos».
Sexto. Modifícase o artigo 24 bis, que queda redactado da seguinte forma:
«O Servizo de Contratación e Xestión Económica será designado polo Valedor do Pobo de acordo coa relación de postos de traballo aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia. Asumirá as seguintes funcións:
a) A coordinación coa Intervención do Parlamento de Galicia para os efectos da actividade económico-financeira da institución.
b) A confección do orzamento anual.
c) O impulso dos expedientes de contratación precisos para o adecuado funcionamento da institución.
d) O mantemento da sede do Valedor.
e) Calquera outra función que, sendo análoga ás anteriores ou tendo carácter instrumental para garantir o correcto desempeño das funcións da institución, lle sexa asignada polos seus superiores xerárquicos».
Sétimo. Modifícase o artigo 25, que queda redactado da seguinte forma:
«Artigo 25
1. Os servizos poderán estruturarse nos negociados que se precisen. A provisión das xefaturas deses negociados realizarase a través do procedemento legalmente establecido.
2. Todos os escritos dirixidos ao Valedor do Pobo se recibirán a través do Rexistro, onde se examinarán e se clasificarán».
Oitavo. Modifícase a disposición adicional segunda, que queda redactada da seguinte forma:
«Disposición adicional segunda
As referencias que se conteñan neste regulamento á figura do valedor do pobo, ao seu adxunto, ao secretario xeral, ao coordinador xeral, ao vicesecretario xeral, ao interventor do Parlamento de Galicia, ao subdirector da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante, aos asesores e aos xefes de servizo deberán entenderse referidas ao valedor ou valedora, ao adxunto ou adxunta, ao secretario xeral ou secretaria xeral, ao coordinador xeral ou coordinadora xeral, ao vicesecretario xeral ou vicesecretaria xeral, ao interventor ou interventora do Parlamento de Galicia, ao subdirector xeral ou subdirectora xeral da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante, aos asesores ou asesoras e aos xefes de servizo ou xefas de servizo.»
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
