Os criterios polos que se regula, planifica e estrutura a rede de estacións de inspección técnica de vehículos en Galicia veñen fixados no Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refunde a normativa vixente en materia de inspección técnica de vehículos.
A devandita norma, no seu artigo 1.2, establece que a situación das estacións fixas será determinada por orde da consellería competente en materia de Industria, procurando a total cobertura do territorio, atendendo aos criterios de economía e custo mínimo global do servizo para os usuarios, minimizando o desprazamento que os vehículos teñan que realizar para a inspección, distribuíndo, ao mesmo tempo, as estacións dun xeito equilibrado e lóxico dentro do territorio galego e posibilitando o autofinanciamento das estacións.
O exercicio das competencias para determinar a localización dunha nova estación fixa de inspección técnica de vehículos correspóndelle á Consellería de Economía e Industria, a través da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, de acordo co establecido no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.
Na súa virtude,
DISPOÑO:
Artigo único
Establecer a localización dunha nova estación fixa de inspección técnica de vehículos no concello de Mos.
Disposición derradeira primeira
Facúltase o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético para ditar as disposicións necesarias para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2024
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
