DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 9 de outubro de 2024 Páx. 53956

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente IN407A 2024/287-4).

Expediente: IN407A 2024/287-4.

Promotora: Concello de Cerdedo-Cotobade.

Denominación: LMTS, CT na Chan, Carballedo.

Concello: Cerdedo-Cotobade.

Feitos:

1. O 22.8.2024 Fernando Vázquez Corbacho, en representación do Concello de Cerdedo-Cotobade, presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para unha liña de media tensión subterránea e un centro de transformación.

2. Logo de requirimentos deste departamento territorial, o 4.9.2024 e o 26.9.2024, o Concello de Cerdedo-Cotobade achegou documentación que emenda a solicitude.

3. A documentación presentada inclúe:

– Declaración responsable do enxeñeiro técnico industrial Pablo Lorenzo Miguélez, colexiado 1288 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor).

– Informe técnico do Concello de Cerdedo-Cotobade con relación ás afeccións, proteccións e titularidade dos terreos relacionados co proxecto.

– Certificado da secretaria accidental do Concello de Cerdedo-Cotabe que indica que mediante Resolución da Alcadía do 16.9.2024 se aceptou a cesión dos terreos realizada por María Concepción Quinteiro Nogueira para a execución da actuación de recuamento de LMTS e subministración para residencia da terceira idade en Carballedo.

– Informe do Servizo Provincial de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas, do 12.2.2024, que di: «O artigo 38.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, indica que nos treitos urbanos das estradas non se establecen nin zonas de protección da estrada nin liña límite de edificación, polo que, sempre que non se produza ningún tipo de afección ao dominio público para a obra que solicita, non require a obtención desta autorización sectorial».

– Informe do Servizo de Explotacións Agrarias do 12.8.2024 que di: «Segundo se consulta no Portal de territorio e urbanismo, da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, o Concello de Cerdedo-Cotobade non ten planeamento xeral nin plan básico municipal adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, polo que, en aplicación do disposto na letra d) do número 1 da disposición transitoria primeira da citada Lei 2/2016, modificada pola Lei 10/2023, de medidas fiscais e administrativas, non resulta preceptiva a emisión por parte da Consellería do Medio Rural do informe sectorial previo que recolle o artigo 36.2 da Lei 2/2016».

– Proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Pablo Lorenzo Miguélez, colexiado número 1288 do Coeticor, e no cal figura un orzamento total de 130.672,93 euros.

4. Logo de ser examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas no lugar da Chan, s/n, na parcela con referencia catastral 36012B508012980000FD, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra):

• Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 435 metros debido ao recuamento dun tramo da liña de media tensión aérea (LMTA) existente que pasa sobre a parcela citada.

• Instalación dun centro de transformación de 100 kVA en edificio prefabricado.

As obras de desmontaxe do tramo da LMTA existente e as instalacións dos apoios e pasos aéreo-subterráneos serán realizadas pola empresa distribuidora da zona.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 435 metros de lonxitude, con orixe e final en dous pasos aéreo-subterráneos en apoios da LMTA derivación A Corredoira, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado.

• Centro de transformación a 100 kVA, con relación de transformación 20 kV/420 V.

• A instalación está situada no lugar da Chan, Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgarlle ao Concello de Cerdedo-Cotobade as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT na Chan, Carballedo, expediente IN407A 2024/287-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. O Concello de Cerdedo-Cotobade asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial xunto coa seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e as prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de setembro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra