DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2024 Páx. 54479

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de outubro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 1 de outubro de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Cabadas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Nogueiró, no concello de Cartelle.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Cabadas, pertencente á CMVMC de Nogueiró, no concello de Cartelle, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 20.10.2023, a CMVMC de Nogueiró presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/2832642) de revisión de esbozo do MVMC Cabadas, no concello de Cartelle.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 13.3.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 4 de decembro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto da presente revisión de esbozo inclúe dous tramos lindeiros con particulares; en concreto, abrangue o lindeiro O desde o punto en que remata a estrema co MVMC Revolta e Currelos, Cabadas e Picotiño ata a estrada OU-0214, Outomuro-Vilavidal; e abrangue tamén o tramo do lindeiro E comprendido entre os puntos X: 579.611,4; Y: 4.673.969,1 e X: 579.810,3; Y: 4.673.579,2.

A superficie do MVMC Cabadas, unha vez revisado o esbozo, sería de 73,27 ha fronte ás 71 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 3,2 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Cabadas, de xeito que o perímetro quedaría revisado, dentro das súas estremas con particulares, no lindeiro O e máis no tramo do lindeiro E comprendido entre os puntos X: 579.611,4; Y: 4.673.969,1 e X: 579.810,3; Y: 4.673.579,2.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 4 de decembro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de setembro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Cabadas, pertencente á CMVMC de Nogueiró, no concello de Cartelle.

Ourense, 1 de outubro de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense