Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Serra de Meda, pertencente á CMVMC de Vences, no concello de Monterrei, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 3.7.2022, a CMVMC de Vences presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/1733414) de revisión de esbozo do MVMC Serra de Meda, no concello de Monterrei.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 19.6.2022.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 11 de outubro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que a cartografía e descrición do perímetro do MVMC Serra de Meda queda actualizada polo oeste (co MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda dos veciños de Infesta e Paradiña), parte do sur (co MVMC Serra de San Salvador e Monte de Arriba dos veciños de Albarellos) e polo leste coas propiedades particulares.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Serra de Meda.
Consideración legal e técnica:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 11 de outubro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de setembro de 2024:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra de Meda, pertencente á CMVMC de Vences, no concello de Monterrei.
Ourense, 1 de outubro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
