DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2024 Páx. 54340

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 7 de outubro de 2024 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 13 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A).

O 11 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 8 a Orde do 13 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A).

O artigo 22.1 desta orde establece que estas axudas financiaranse cunha dotación orzamentaria de cento vinte e cinco mil euros (125.000 €) na aplicación orzamentaria 14.04.713E.771.1. Como consecuencia da publicación da Orde do 25 de abril de 2024 pola que se regulan as actuacións orzamentarias e contables necesarias para a adaptación do orzamento á estrutura da Xunta de Galicia, aprobada no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, modificouse o código orzamentario da sección da Consellería do Medio Rural (o código 14 foi substituído polo 45), quedando a aplicación orzamentaria citada coa codificación 45.04.713E.771.1 (proxecto 2012 00741).

O artigo 31. 2, alínea c), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recolle que non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na convocatoria sen que se realice unha nova convocatoria, salvo que se produza o incremento dos créditos derivado dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 desta lei.

O artigo 19.2 informa que as bases reguladoras poderán facer excepción do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario, coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

Co obxecto de poder tramitar as solicitudes das axudas presentadas que cumpren os requisitos, e dado que a dotación orzamentaria inicial resulta insuficiente, procede ampliar o crédito orzamentario inicial para levar a termo o procedemento de concesión das axudas, durante o ano 2024.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria

1. Amplíase a dotación orzamentaria da Orde do 13 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A), polo importe de cincuenta mil euros (50.000 €), para o ano 2024.

2. O crédito orzamentario increméntase como segue:

45. 04. 713E 771. 1 (CP 2012 00741)

50.000,00 €

3. O importe total na aplicación orzamentaria, para a anualidade 2024, unha vez efectuado este incremento, é o seguinte:

45. 04. 713E 771. 1 (CP 2012 00741)

175.000,00 €

4. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na citada orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. A ampliación da dotación orzamentaria non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 13 de decembro de 2023.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural