DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2024 Páx. 54452

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2024, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Pontedeume (expediente IN407A 2023/114-1).

Expediente: IN407A 2023/114-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: renovación LMTS PED709 entre CTs 15C734 e apoio nº AR9V63H3//D98 e anexo.

Concello: Pontedeume.

Feitos:

1. UFD Distribución Electricidad, S.A. (UFD) é a promotora das instalacións do proxecto de execución denominado renovación LMTS PED709 entre CTs 15C734 e apoio nº AR9V63H3//D98. O 10 de outubro de2023 autorizouse mediante resolución deste departamento territorial o proxecto das instalacións.

O día 1 de febreiro de 2024, UFD solicita a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción dun anexo do proxecto. O motivo é adecuar o proxecto a un condicionado da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Mantense o obxecto do proxecto: mellorar a calidade da subministración e aumentar a capacidade de transporte da liña.

Conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000, o proxecto inclúe memoria, planos e presuposto, e comprende os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado renovación LMTS PED709 entre CTs 15C734 e apoio nº AR9V63H3//D98, asinado o 30 de novembro de 2022 (autorizado o 10 de outubro de 2023) por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado LE-1010.

• Anexo de proxecto, asinado o 13 de xullo de 2023 polo mesmo enxeñeiro.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Non se solicitou o informe preceptivo a ningunha Administración, organismo nin empresa de servizo público ou de interese xeral, por non existiren novas afeccións.

4. O día 19 de setembro de 2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas

As instalacións obxecto deste expediente están situadas na urbanización Olmo e Estrada Vella, parroquia de Vilar (San Pedro), no concello de Pontedeume, e as súas características técnicas, coas modificacións incluídas no proxecto, son as seguintes:

Substitución dun tramo de liña eléctrica de media tensión subterránea pertencente á PED709, a 15 kV, cunha lonxitude de 363 m, coa orixe no CT 15C734, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² AL, e final no apoio nº AR9V63H3//D98.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 20 de setembro de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña