DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 15 de outubro de 2024 Páx. 54592

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de outubro de 2024 pola que se amplía o gasto máximo autorizado da Orde do 2 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables (código de procedemento PE209B).

O artigo 3.3 da Orde da Consellería do Mar do 2 de xullo de 2024 establece que «Os importes consignados na convocatoria, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, respectando sempre o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei».

No prazo de presentación recibíronse solicitudes admisibles por importe superior ao previsto inicialmente para o ano 2025. Dado que existen dispoñibilidades de crédito derivadas de remanentes doutras convocatorias de axudas en programas do mesmo servizo, considérase axeitado ampliar o importe do crédito inicial para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables, con cargo á aplicación 46.03.723A.770.1, código de proxecto 2024 142. Con esta ampliación de crédito poden atenderse todas as solicitudes e así acadar un uso máis eficiente dos fondos públicos e un maior grao de execución orzamentaria.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo único. Ampliación de crédito

1. Amplíase o crédito máximo destinado a financiar as axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables, con cargo á aplicación orzamentaria 46.03.723A.770.1, código de proxecto 2024 142, na anualidade 2025 da convocatoria 2024, nun importe de 55.000 €.

2. O novo importe total máximo, sumando o importe inicial xa publicado e a presente ampliación, é o detallado no seguinte cadro:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

46.03.723A.770.1

2024 142

1.000.000 €

805.000 €

1.805.000 €

3. A publicación desta orde de ampliación de crédito non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar