DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 15 de outubro de 2024 Páx. 54515

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 10 de outubro de 2024 pola que se modifica a Orde do 3 de outubro de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga parcial os días 7, 9, 11 e 14 de outubro, e indefinida a partir do día 16 de outubro en días alternos: luns, mércores e venres, nos seus centros de traballo.

O Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. comunicou unha convocatoria de folga parcial que afecta todos os traballadores e traballadoras da Corporación nos seus centros de traballo: San Marcos (Santiago de Compostela), A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. Esta convocatoria de folga desenvolverase os días 7, 9, 11 e 14 de outubro de 2024 e adquirirá carácter indefinido a partir do día 16 de outubro en días alternos, luns, mércores e venres, cunha duración dunha hora e media na franxa comprendida entre as 11.30 e as 13.00 horas.

No Diario Oficial de Galicia número 192, do 4 de outubro de 2024, publicouse a Orde do 3 de outubro de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga parcial os días 7, 9, 11 e 14 de outubro, e indefinida a partir do día 16 de outubro en días alternos: luns, mércores e venres, nos seus centros de traballo.

Despois da reunión do 1 de outubro, levouse a cabo outra o día 3 e nela producíronse avances e que se plasmaron na mencionada orde publicada o día 4 de outubro. Con posterioridade, volvéronse producir contactos entre a representación da Corporación e o Comité de Folga que, aínda que non derivaron nun acordo sobre os servizos mínimos, si permitiron seguir achegando posturas. Finalmente, o carácter parcial dos paros e o feito de que estes non coincidan temporalmente con programación informativa de carácter esencial nalgunha das plataformas da Corporación permitiron unha fixación de mínimos menor da prevista na orde publicada.

Na súa virtude, de acordo cos argumentos expostos, vista a proposta da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. e en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o anexo de efectivos mínimos convocados contido na Orde do 3 de outubro de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga parcial os días 7, 9, 11 e 14 de outubro, e indefinida a partir do día 16 de outubro en días alternos: luns, mércores e venres, nos seus centros de traballo. No seu lugar teranse en consideración os que se relacionan no anexo desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Efectivos mínimos convocados a partir do 7 de outubro de 2024,
luns, mércores e venres, de maneira indefinida

I. Informativos:

I.I. Documentación e arquivo:

1 documentalista.

I.II. Redacción da Radio Galega (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

3 informadores/as en San Marcos .

1 informador/a na Delegación da Coruña.

1 informador/a na Delegación de Lugo.

1 informador/a na Delegación de Ourense.

1 informador/a na Delegación de Vigo

I.III. Redacción de Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

8 informadores/as en San Marcos.

1 informador/a na Delegación da Coruña.

1 informador/a na Delegación de Ourense.

1 informador/a na Delegación de Vigo.

1 informador/a na Delegación de Lugo.

I.IV. Reporteiros/as gráficos/as:

6 reporteiros/as gráficos/as en San Marcos.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación da Coruña.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Vigo.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Ourense.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Lugo.

I.V. Tempo real:

1 informador/a.

I.VI. Medios de produción:

I.VI.I. Grafismo:

1 deseñador/a gráfico/a.

1 grafista-titulador/a.

I.VI.II. Maquillaxe:

1 maquillador/a.

I.VI.III. Produción:

2 persoas de produción.

I.VI.IV. Realización:

2 realizadores/as.

4 axudantes/as de realización.

I.VI.V. Operadores/as de vídeo:

1 operador/a de posprodución ou operador/a montador/a de vídeo.

1 operador/a montador/a de vídeo de inxesta PAM.

1 operador/a montador/a de vídeo de inxesta MAM.

1 operador/a montador/a de vídeo de media.

II. Soporte e mantemento das emisións:

II.I. Soporte e mantemento das emisións:

II.I.I. Continuidade:

3 operadores/as de continuidade.

II.I.II. Emisións:

1 persoa de emisións.

II.II. Grupo soporte:

2 operadores/as de soporte.

II.III. Medios RG:

2 técnicos/as de control.

II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:

3 técnicos/as electrónicos/as de primeira ou técnicos/as electrónicos/as.

II.V. Instalacións:

1 electricista.

II.VI. Mantemento:

1 axudante/a de mantemento.

II.VII. Almacén de cámaras:

1 almacenista.

II.VIII. Servizo de sistemas:

1 analista-programador/a ou técnico/a de sistemas.