DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 16 de outubro de 2024 Páx. 54807

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2024 pola que se dá publicidade da Resolución do 27 de setembro de 2024 pola que se deixa sen efecto a Resolución do 24 de xuño de 2024 pola que se encarga á empresa pública Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec), como medio propio personificado, para o apoio técnico e administrativo na xestión da intervención acordada respecto dos contratos de servizos de transporte sanitario de Vigo.

Por medio da Resolución do 31 de maio de 2024, e ante a grave perturbación constatada na prestación do servizo de transporte sanitario urxente e non urxente na Área Sanitaria de Vigo por parte da empresa adxudicataria, acordouse a intervención dos contratos de servizos de transporte sanitario coa finalidade de asegurar o axeitado mantemento e funcionamento deste servizo esencial.

O 24 de xuño de 2024 ditouse resolución pola que se acordou encargar a Tragsatec o apoio técnico e administrativo na xestión da intervención acordada, establecendo unha duración inicial do encargo de 6 meses, sen prexuízo de que, se a intervención finalizaba antes do dito prazo, o encargo perdería a súa vixencia ao finalizar a intervención.

De acordo co anterior, e debido á persistencia no incumprimento na prestación dos servizos, procedeuse á resolución dos respectivos contratos de servizo de transporte sanitario urxente e non urxente e á súa posterior licitación e adxudicación. Por este motivo, a resolución dos contratos implica a finalización da intervención acordada no seu día, a cal procede deixar sen efecto.

Así pois, de conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de setembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e co artigo 16 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, dáse publicidade da Resolución do presidente do Servizo Galego de Saúde, do 27 de setembro de 2024, pola que se deixa sen efecto a Resolución do 24 de xuño de 2024 pola que se encarga á empresa pública Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E. M.P. (Tragsatec), como medio propio personificado, para o apoio técnico e administrativo na xestión da intervención acordada respecto dos contratos de servizos de transporte sanitario de Vigo.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade