Segundo o disposto no artigo 34 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Patrimonio Natural, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para cada tempada, logo da adxudicación de cotas diarias para concursos deportivos oficiais e do sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.
Mediante a Orde do 22 de setembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 23 de novembro de 2018 pola que se regulan o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial e os formularios normalizados que se van empregar en distintos procedementos en materia de pesca fluvial (DOG núm. 190, do 5 de outubro), habilitáronse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) os procedementos MT807B e MT807C para a presentación de solicitudes de participación nos sorteos de permisos de pesca en coutos.
Os permisos sobrantes dos procedementos anteriores poranse á disposición das persoas interesadas en centros de venda habilitados para o efecto polos servizos provinciais de Patrimonio Natural. Para atender a demanda prevista facilitarase tamén a adquisición de permisos a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, que funcionará como centro de venda habilitado para o efecto.
De conformidade co anterior, as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2025 serán as seguintes:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta resolución é regular a adxudicación mediante sorteo dos permisos de pesca en coutos para a tempada de 2025 (códigos de procedemento MT807B e MT807C).
Artigo 2. Tipos e número de sorteos
En cada servizo provincial de Patrimonio Natural realizaranse dous sorteos:
1. Sorteo de salmón: incluirá os permisos de coutos de salmón, mesmo os de pesca sen morte en coutos de salmón.
2. Sorteo de troita: incluirá os permisos de troita, de reo, de pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior.
Artigo 3. Prazos
O prazo de presentación de solicitudes abrirase ás 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará ás 24.00 horas do 20 de novembro de 2024.
As listaxes provisionais de persoas excluídas e admitidas publicaranse o 27 de novembro de 2024.
As listaxes definitivas de persoas excluídas e admitidas publicaranse o 12 de decembro de 2024.
O sorteo celebrarase o 20 de decembro de 2024, ás 12.00 horas.
Os resultados dos sorteos, as listaxes de participantes coa orde resultante, a data e a hora de escolla de cada participante e demais datos e normas aplicables publicaranse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Os datos de acceso aos servizos privados da páxina https://pescafluvial.xunta.gal son o NIF e mais o número da licenza de pesca continental.
Artigo 4. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes individuais ou de creación dun grupo de participantes formularanse conforme o procedemento administrativo MT807B.
3. As solicitudes en grupo requirirán unha persoa responsable do grupo que presente unha primeira solicitude en que identifique, no punto correspondente, as demais persoas participantes. Esta primeira solicitude formularase conforme o procedemento administrativo MT807B. Posteriormente, quen forme parte dese grupo deberá presentar a solicitude regulada no procedemento administrativo MT807C cos datos que nel se requiren.
4. Cada participante só poderá figurar nunha solicitude individual ou nun grupo para cada un dos sorteos. No caso de que un mesmo NIF conste en varias solicitudes para un mesmo sorteo, anularanse as máis antigas, prevalecendo sempre a última data de rexistro de entrada, telemática ou presencial. No caso de solicitudes en grupo, as anulacións afectarán unicamente aqueles NIF repetidos. Non se considerarán duplicidades cando as solicitudes presentadas teñan por obxecto diferentes sorteos.
Artigo 5. Requisitos
1. Para participar nos sorteos é preciso ser titular dunha licenza de pesca continental en vigor no momento de presentar a solicitude. Para o cumprimento deste requisito terán a mesma validez as licenzas autonómicas e interautonómicas de pesca continental.
2. A participación nos sorteos, individual ou en grupo, requirirá o pagamento da taxa establecida no anexo VI da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, modificado pola Resolución da Axencia Tributaria de Galicia do 20 de decembro de 2017, co código 30.14.12 e denominación «Participación en sorteos de distribución de permisos de pesca fluvial».
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coas solicitudes (MT807B e MT807C) a seguinte documentación:
a) Xustificante de pagamento da taxa 30.14.12 nunha das entidades financeiras colaboradoras da Axencia Tributaria de Galicia ou na Oficina Virtual Tributaria (http://www.atriga.gal), agás que o pagamento da taxa se inicie e finalice a través da sede electrónica, pois neste suposto o xustificante da taxa xérase de forma automática.
b) Acreditación da representación, de ser o caso.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 7. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Vixencia da licenza de pesca continental da persoa solicitante.
d) NIF da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 8. Publicación das listaxes provisionais e reclamacións
1. As listaxes provisionais das persoas excluídas e admitidas faranse públicas na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Tamén poderán consultarse nos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
2. As persoas solicitantes terán un prazo de 10 días naturais, contados desde a data de exposición pública da relación provisional de persoas admitidas e excluídas, para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación das listaxes definitivas.
3. Excluiranse todas aquelas persoas participantes que non posúan licenza de pesca continental en vigor no momento da presentación da solicitude.
4. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra as listaxes provisionais, publicaranse as listaxes definitivas na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. Tamén poderán consultarse nos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Artigo 9. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Realización dos sorteos
1. En cada sorteo, as solicitudes numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de entrada da solicitude.
2. Os sorteos serán públicos. Cada sorteo realizarase con tres ou catro bombos, segundo sexa preciso polo número de solicitudes presentadas, correspondendo cada un deles ás unidades, decenas, centenas e unidades de millar. En cada bombo introduciranse dez números, do 0 ao 9, excepto no que corresponda ás unidades de millar, en que unicamente se introducirán os números necesarios para cubrir as miles de solicitudes presentadas. Sacarase un número completo formado por tres ou catro bólas, segundo proceda. No caso de que o número constituído polas bólas exceda o que corresponda á última solicitude presentada, procederase a sortear de novo, devolvendo as bólas aos correspondentes bombos e repetindo a operación.
3. A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir e continuarase a elección por orde correlativa ata rematar a listaxe e seguir a partir do 1.
4. Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Patrimonio Natural na data e na hora antes indicadas.
Artigo 12. Resultados dos sorteos
Os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal
Cada solicitante poderá consultar na citada páxina o día e mais o rango horario en que poderá escoller os permisos. Tamén se facilitarán os datos de contacto para a escolla telefónica e o pagamento dos permisos.
Os resultados dos sorteos, quendas de escolla e demais datos antes indicados non se comunicarán de xeito individual.
Artigo 13. Escolla de permisos tras o sorteo
1. Para a escolla de permisos de troita e reo, os servizos provinciais de Patrimonio Natural establecerán grupos de permisos de pesca. Para os permisos de salmón haberá un só grupo en cada provincia. A listaxe dos grupos será publicada na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal
2. Á hora da escolla, cada solicitante só poderá seleccionar dous permisos de cada grupo, dos cales só un poderá corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón só se poderá escoller un permiso.
3. Na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal poderá consultarse en tempo real o número de permisos dispoñibles en cada couto e para cada xornada de pesca.
4. A escolla poderá realizarse por calquera dos seguintes medios:
a) Directamente na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal na data e rango horario resultantes dos sorteos, introducindo previamente o NIF e mais o número da licenza de pesca.
A persoa usuaria poderá realizar comprobacións e reservas previas antes da súa quenda, e mesmo gravar os datos da reserva, pero só se poderá confirmar unha reserva previa dentro da data e do rango horario asignados á persoa solicitante, existindo a posibilidade de cambiar os permisos que xa non estean dispoñibles.
Rematado o rango horario sen terse producido a escolla, a persoa usuaria non terá dispoñible o servizo web durante os rangos horarios asignados a outras persoas participantes. Completadas as quendas de escolla do día, e ata as 8.00 horas do día seguinte, calquera persoa que non escollese na súa quenda poderá escoller de entre os permisos dispoñibles en cada momento ata o remate do período de escolla da primeira venda.
b) Mediante chamada telefónica ao número que se faga público na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, na cal tamén se sinalarán a data e o rango horario en que deberá realizarse esta chamada.
5. Unha vez confirmada unha reserva por calquera dos medios previstos, non poderá ser modificada pola persoa solicitante.
Artigo 14. Segunda venda de permisos
1. Unha vez rematada a escolla, os permisos sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos nun segundo proceso de escolla.
2. A segunda venda dos sorteos de salmón realizarase en orde inversa respecto da primeira venda. A escolla poderá realizarse directamente na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal ou mediante chamada telefónica ao número que se faga público na antedita páxina, coas mesmas normas ca na primeira venda.
3. A data de inicio e o rango horario de escolla de cada participante publicaranse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal
4. A segunda venda do resto dos sorteos será unicamente a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. O servizo de reserva mediante a internet estará dispoñible ininterrompidamente para todas as persoas participantes no sorteo a partir da data e hora de inicio que se establezan.
5. Tres días antes do comezo da escolla publicarase na páxina web indicada o total dos permisos dispoñibles para esta segunda escolla.
6. As normas, en canto aos grupos de coutos, o número de permisos por grupo e requisitos de acceso, serán as mesmas que na primeira escolla, en todos os casos.
Artigo 15. Venda libre
1. Os permisos sobrantes non escollidos e aqueles non retirados nos prazos fixados serán postos á venda nos centros de venda habilitados para o efecto polos servizos provinciais de Patrimonio Natural, regulados no artigo 35 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Para atender a demanda prevista, facilitarase tamén a adquisición de permisos a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, que funcionará como centro de venda habilitado para o efecto. Para a venda a través da internet reservarase, como mínimo o 50 % dos permisos sobrantes en cada couto para cada xornada de pesca.
2. O acceso á venda libre telemática requirirá o NIF e mais o número dunha licenza de pesca continental vixente nese momento ou nos 12 meses anteriores.
3. Na venda libre só se poderá adquirir un permiso diario.
Artigo 16. Pagamento e expedición de permisos
1. Os permisos seleccionados deberán ser pagados de xeito individual no prazo máximo de cinco (5) días naturais, contados desde a data da elección.
2. O pagamento pode realizarse a través da páxina web de elección de permisos de pesca, mediante as modalidades de pagamento de taxas e prezos da páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Oficina Virtual Tributaria) ou mediante aboamento nunha das entidades financeiras colaboradoras da Axencia Tributaria de Galicia.
3. No caso de realizar o pagamento por un medio diferente ao da web de elección de permisos de pesca será necesario que, dentro do mesmo prazo de 5 días naturais establecido anteriormente, se remita ao servizo provincial copia da documentación xustificativa do ingreso. Os enderezos de correo electrónico para esta finalidade indicaranse na páxina web https://pescafluvial.xunta.gal
4. Unha vez confirmado o pagamento dos permisos de pesca, cada solicitante poderá acceder aos seus permisos en formato descargable e imprimible a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal, durante toda a tempada de pesca.
5. Na fase de venda libre poderanse adquirir permisos presencialmente nos servizos provinciais de Patrimonio Natural ou nas casas expedidoras habilitadas para os efectos. Na adquisición telemática, a aplicación informática habilitará a impresión dos permisos adquiridos, que en ningún caso serán remitidos por correo postal desde un servizo provincial.
Artigo 17. Renuncia a permisos reservados
1. A falta de pagamento ou de xustificación da realización do pagamento nos prazos establecidos entenderase como unha renuncia á reserva e os permisos serán incluídos na seguinte rolda de escolla.
2. As persoas que non realicen o pagamento dos permisos dentro do prazo establecido non poderán adquirir novos permisos na aplicación informática, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas. A liquidación dos pagamentos pendentes habilitará novamente a adquisición de permisos na fase de venda libre.
3. A falta de pagamento ou de xustificación do pagamento derivada dunha circunstancia de forza maior debidamente acreditada implicará a habilitación para a adquisición de permisos nas fases restantes do sorteo e da venda libre pero non implicará a devolución de permisos que fosen incluídos na seguinte rolda de selección.
Artigo 18. Outras normas
1. A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regulará os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2025. En todo caso, o emprego dos permisos de pesca outorgados por parte das persoas usuarias estará condicionado ao cumprimento da antedita disposición normativa.
2. Logo da expedición dun permiso, non se poderá anular nin transferir a outra persoa.
3. A devolución das taxas dun permiso poderá solicitarse unicamente cando o permiso perda a súa validez por finalización anticipada ou suspensión temporal da tempada de pesca. As solicitudes de devolución de taxas presentaranse conforme o procedemento MT807K, regulado pola Orde do 23 de novembro de 2018 (DOG núm. 232, do 5 de decembro), cos prazos e requisitos que nela se establecen.
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024
María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural
