A Escola Galega de Administración Pública é un organismo autónomo de carácter administrativo e unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, que actúa con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins. A Lei 4/1987, do 27 de maio, pola que se crea a EGAP, menciona entre os fins da Escola a formación, o perfeccionamento, a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.
A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e da comunicación, e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a dita autorización, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación. Esta norma modificouse polos decretos 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e o Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.
A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, (en diante só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizado integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.
Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Escola Galega de Administración Pública:
a) Emisión de diplomas.
b) Emisión de certificados de docencia.
c) Emisión de certificados de asistencia.
Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:
a) A Escola Galega de Administración Pública, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) A Escola Galega de Administración Pública, como órgano responsable para os efectos de impugnación.
Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación do selo electrónico denominado ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA, EGAP ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.
A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Escola Galega de Administración Pública.
O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.
Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:
a) NIF do organismo subscritor: Q6550007F.
b) Organismo subscritor: Escola Galega de Administración Pública.
c) Nome do selo: ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA, EGAP.
Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a utilizar o selo electrónico denominado ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA, EGAP para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.
Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA, EGAP sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.
Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024
|
Sonia Rodríguez-Campos González |
Julián Cerviño Iglesia |
|
Directora da Escola Galega de |
Director da Axencia para a |
|
Administración Publica |
Modernización Tecnolóxica de Galicia |
