DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 17 de outubro de 2024 Páx. 55131

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2024 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria das axudas do bono de alugueiro social para os exercicios 2024 e 2025 (código de procedemento VI482F).

1. No Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 133, do mércores 13 de xullo de 2022, publicouse a Resolución da presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), do 1 de xullo de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (código de procedemento VI482F).

2. O punto 1 do ordinal vixésimo oitavo da citada resolución, no referente ao crédito orzamentario, establece o seguinte:

As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma (FCA) por importe de 567.156,00 euros con cargo á anualidade 2022, 1.400.000,00 euros con cargo á anualidade 2023, 2.100.000,00 euros con cargo á anualidade 2024, 2.500.000,00 euros con cargo á anualidade 2025 e 2.800.000,00 euros con cargo á anualidade 2026. Cando se asine o correspondente convenio co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a execución do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, os anteriores importes poderán ser reaxustados para seren financiados con cargo aos fondos finalistas do citado plan.

As axudas para o colectivo das vítimas de violencia de xénero, con cargo ás anualidades 2022 (por importe de 777.768,00 euros) e 2023 (por importe de 1.040.000,00 euros), financiaranse con cargo aos fondos procedentes do Pacto de Estado na aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3. As anualidades seguintes financiaranse con cargo aos importes establecidos no parágrafo anterior para as ditas anualidades e poderanse reaxustar cos importes que, de ser o caso, se fixen anualmente no correspondente acordo entre o IGVS e a consellería competente en materia de igualdade.

3. O 9 de febreiro de 2024 asinouse un acordo de modificación da distribución dos recursos financeiros acordada no convenio subscrito entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (actual Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana) e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

En virtude deste acordo, a Comunidade Autónoma de Galicia, a través do IGVS, comprométese a incrementar o financiamento do programa 3, Programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables, con fondos propios da Comunidade Autónoma, por un importe total de 1.157.974 euros para a anualidade de 2024.

Este incremento da dotación orzamentaria afecta a anualidade de 2024 do proxecto de gasto 2022 00011, na aplicación orzamentaria 06.81.451B.480.1.

4. Non obstante, malia existir un remanente dos fondos achegados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (na actualidade, Consellería de Política Social e Igualdade) ao abeiro do acordo de colaboración asinado o 11 de abril de 2023, por importe de 329.734,53 euros, considérase insuficiente para atender todas as solicitudes, dado que o prazo de presentación de solicitudes aínda non rematou (a data de finalización é o 30 de novembro de 2026), sendo 1.129.734,53 euros o importe que se estima necesario.

5. Coa finalidade de garantir estas coberturas, o día 22 de xullo de 2024 asinouse un novo acordo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e o IGVS, co obxecto de establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre as citadas entidades para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas da violencia de xénero (medidas 75, 168 e 215 do documento refundido final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero).

Co citado acordo, o IGVS comprométese a continuar xestionando unha liña de axudas destinada a facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de alugueiro ás vítimas de violencia de xénero a través do Programa do bono de alugueiro social, financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, mentres que a Consellería de Política Social e Igualdade asume o compromiso de achegar 800.000 euros adicionais para a anualidade de 2024, e 2.000.000 de euros para a anualidade de 2025, co obxecto de contribuír ao financiamento dos gastos necesarios para cumprir o devandito acordo.

6. O punto 2 do ordinal vixésimo oitavo da Resolución do 1 de xullo de 2022 prevé que a contía establecida nesa convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, a cal terá efecto logo da súa publicación no DOG, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria.

Polo exposto,

RESOLVO:

Ampliar a dotación orzamentaria da convocatoria das axudas do bono de alugueiro social para as anualidades de 2024 e de 2025, nos seguintes termos:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Crédito inicial

Ampliación de crédito

Crédito total

06.81.451B.480.1 (proxecto 2022 00011)

2024

700.000,00 €

1.157.974,00 €

1.857.974,00 €

06.81.451B.480.3 (proxecto 2019 00009)

2024

2.000.000,00 €

1.129.734,53 €

3.129.734,53 €

2025

0,00 €

2.000.000,00 €

2.000.000,00 €

O incremento da dotación orzamentaria afecta o proxecto de gasto 2019 00009, que se incrementa por importe de 1.129.734,53 euros para a anualidade de 2024 e de 2.000.000,00 euros na anualidade de 2025, así como ao proxecto de gasto 2022 00011, o cal se incrementa con 1.157.974,00 euros.

Esta ampliación non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo