DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 17 de outubro de 2024 Páx. 55128

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 7 de outubro de 2024 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos préstamos parcialmente reembolsables para proxectos empresariais de investimento creadores de emprego previstos no instrumento financeiro do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, territorio P2 A Coruña, modalidade de pequenas e medianas empresas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408J).

BDNS (Identif.): 790901.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que realicen ou teñan previsto realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación para financiar, localizado na provincia da Coruña.

b) Que teñan previsto realizar un proxecto de investimento que responda a algunha das tipoloxías sinaladas no punto 1 do artigo 1 das bases, cun investimento subvencionable mínimo de 60.000,00 € e cumprindo os requisitos establecidos nestas bases, que supoña a creación neta de emprego no/s centro/s de traballo da persoa beneficiaria na provincia da Coruña. Enténdese por creación neta de emprego a creación de, polo menos, 1 posto de traballo con contrato indefinido a tempo completo e manter este posto de traballo, xunto co seu persoal con contrato indefinido no momento da solicitude, polo menos durante 3 anos desde a acreditación do fito de creación de emprego.

As pequenas e medianas empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do parágrafo anterior.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a concesión de préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial xeradores de emprego na provincia da Coruña, cofinanciados no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX), que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:

1.1. Creación dun novo establecemento derivado da creación dunha nova empresa ou que dea lugar á diversificación económica, modernización ou reconversión dunha empresa existente.

1.2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente, sempre que supoña unha modernización respecto á tecnoloxía previamente utilizada.

1.3. Diversificación da produción dun establecemento para a fabricación de produtos que antes non se producían nel.

1.4. Transformación fundamental do proceso global de produción do produto ou produtos ou da prestación global do servizo ou servizos afectados polo investimento no establecemento.

As axudas reguladas nestas bases combinan un instrumento financeiro de préstamos directos con subvención nunha mesma operación, de forma que estes préstamos, destinados a financiar investimentos empresariais, poderán ser parcialmente reembolsables en función do cumprimento de determinados fitos de creación neta de postos de traballo e, de ser o caso, doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión do instrumento financeiro de préstamo combinado con subvención nunha única operación; fomentan, ademais, que estes postos de traballo sexan ocupados por persoas pertencentes a colectivos de traballadores que perderon o seu emprego debido aos peches das centrais térmicas da provincia e a colectivos que xa expoñen dificultades de empregabilidade na actualidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 7 de outubro de 2024 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos préstamos parcialmente reembolsables para proxectos empresariais de investimento creadores de emprego previstos no instrumento financeiro do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, territorio P2 A Coruña, modalidade de pequenas e medianas empresas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408J).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria 09.A1.741A.7700: 644.340,00 € con cargo ao ano 2024 e 3.651.261,00 € con cargo ao ano 2025.

Partida orzamentaria 09.A1.741A.8310: 859.120,00 € con cargo ao ano 2024 e 4.868.348,00 € con cargo ao ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda iniciarase o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica